PAGAR ATé 500 EUROS A UN NOTARIO POR REXISTAR UN MATRIMONIO

Ofensiva para frear o proxecto de privatización do Rexisto Civil

Protesta nos xulgados de Vigo

Mobilizacións e recollidas de sinaturas en todo o país tratan de evitar que o servizo pase a mans dos rexistadores mercantís a partir de xullo.


A futura privatización do Rexisto Civil ten as e os funcionarios galegos en pé de guerra. Mobilizacións e recollidas de sinaturas esténdense nas principais cidades do país para frear a reforma aprobada polo Goberno central, que derivará este servizo público a mans dos rexistradoes mercantís dende o vindeiro mes de xullo.

Certificados de nacemento, de matrimonio ou defunción, libros de familia, fes de vida, expedientes de nacionalidade ou de cambio de sexo, entre outros trámites, deixarán de ser gratuítos de facerse efectiva a medida, apuntan as e os funcionarios. Unha reforma que significaría a “morte” dunha institución con 145 anos de historia.

Centos de galegas terán que trasladarse ás cidades para realizar os trámites, polo que pagarán por duplicado a reforma.

Algúns dos efectos xa están a facerse patentes antes mesmo da súa entrada en vigor. Decenas de parellas tentan adiantar os seus casamentos antes do 15 de xullo, por temor a que pasada esa data teñan que abonar até 500 euros a un notario por rexistar o seu enlace civil. Nalgunhas localidades, como Pontevedra ou Vilagarcía, xa non fixan novos compromisos polo futuro incerto do servizo.

Tamén estarán afectados os funerais, din os opositores á Lei 20/2011, porque as licenzas de enterramento dependen do rexistro público ou, se estar fechado, do xulgado de garda. “Van traballar os rexistadores privados un domingo ou un festivo?”, pregúntase con ironía unha funcionaria do rexistro. 

A reforma obrigará ademais a centos de galegas e galegos a se trasladaren ás cidades para realizar estes trámites, pola desaparición dos xulgados de paz e a centralización do servizo. En provincias como Ourense, onde máis da metade da poboación reside no rural, o impacto recaerá por duplicado nos petos da cidadanía.

Cada ano rexístanse milleiros de actos en cada unha das administracións galegas, o que traducido en termos económicos suporá millóns de euros que pasarán a mans privadas, segundo os cálculos dos sindicatos. Recordan que os rexistadores tampouco teñen obriga legal de as súas xestións seren confidenciais, como si a teñen as e os funcionarios de xustiza. 

Protestas en todo o país

Nas portas dos Rexistos de toda Galiza, o persoal leva semanas manifestándose e informando das consecuencias da reforma á cidadanía. Aliás, a plataforma SOS Xustiza e os sindicatos CIG, CCOO, UGT, STAJ e USO emprenderon unha campaña para recoller sinaturas contra a reforma. Xunto a outras plataformas do estado, aspiran a reunir medio millón de firmas co fin de presentar unha Iniciativa Lexislativa Popular no Parlamento.

Aspiran a reunir medio millón de firmas co fin de presentar unha Iniciativa Lexislativa Popular.

En Vigo, onde comezou a recollida, cóntanse xa por centos. En apenas unha hora na rúa, informan dende SOS Xustiza, xuntaron máis de 600 sinaturas. Tamén a través da rede, onde hai varias peticións abertas para recadar apoios. 

Na Coruña, decenas de traballadoras e traballadores do servizo foron expulsas do pleno municipal e identificados por axentes locais por protestar. O Goberno de Carlos Negreira aprobou por maioría absoluta unha moción que, segundo a CIG, “secunda a posición do goberno español, non garante a non mercantilización deste servizo, a súa gratuidade e a xestión do mesmo por parte da Administración de Xustiza”.

O PP insiste en que será gratuíto

Pola súa banda, UGT cualificou os argumentos do Goberno central de manipulación, ao xustificar a reforma nas continuas queixas que recibe o Valedor do Pobo. Porén, apuntan que o Rexisto Civil está entre os servizos mellor valorados pola cidadanía, segundo a enquisa do Observatorio de Calidade dos Servizos Públicos, que reflicte que o 85% das persoas están satisfeitas coa atención. 

Malia as críticas, os representantes do PP insisten en que non haberá que pagar polos servizos, como reiteraba esta mesma semana o director xeral de Xustiza, Juan José Martín. “Que deixen de mentir. Se o goberno non vai prever unha partida orzamentaria para pagalo indirectamente, a única solución é que as usuarias asuman o custo dos servizos”, conclúen os sindicatos.