A odisea de viaxar en tren da Coruña a Barcelona: longa espera ao frío e un terzo do traxecto en autobús

As persoas viaxeiras que se dirixían a Barcelona, paradas en San Clodio. (Foto: H. G.)
Conversamos con Helena González, pasaxeira do tren A Coruña-Barcelona, que estivo parado un longo tempo en San Clodio, a unha baixa temperatura e "sen información ningunha" e que agora retoma a viaxe en autobús até León, após ter que facer o mesmo entre Ourense e Monforte, nun treito cortado á circulación.

As avarías nas liñas ferroviarias que atravesan o país están á orde do día, un problema agravado nos últimos días polos efectos do temporal que deu a benvida ao ano. O pasado sábado un tren quedou parado durante tres cuartos de hora nun túnel, sen luz nin cobertura, na liña que une Vigo e Santiago de Compostela. E o 14 de decembro a circulación entre Betanzos e A Coruña foi interrompida pola avaría dun tren, o que provocou que as persoas pasaxeiras fosen desprazadas por estrada.

Esta quinta feira o convoi que partiu da Coruña ás 8.05 horas e debía chegar a Barcelona-Sants contra as 21.35 horas, estivo paralizado durante máis dunha hora na estación de San Clodio-Quiroga, no concello de Ribas de Sil. A pasaxe descoñecía cando se retomaría a marcha, mais a odisea non comezou aí, senón á primeira hora da mañá.

Nós Diario conversa cunha das viaxeiras, Helena Gónzalez, que accedeu ao tren en Santiago de Compostela: "Cando collín o billete xa avisaran de que o treito Ourense-Monforte faríamolo en autobús —cortado por obras—". Porén, unha vez na estación de Monforte de Lemos, o traxecto non continuou como se esperaba, pois o convoi, na seguinte parada programada nesta ruta, a de San Clodio, pediu aos pasaxeiros e pasaxeiras que baixasen do tren até novo aviso —debido a deficiencias na infraestrutura causadas por un desprendemento de terras, informou Adif—.

A pasaxe, en San Clodio, fóra do tren. (Foto: H. G.)

"Non nos dan información ningunha, non sabemos que pasa. Hai xente maior e nenos pequenos, xente que transporta pequenos animais que poden sufrir estrés. Xente maior con maletas grandes que non poden levar por si mesmas, estamos entre todos axudándonos a levalas e agradecendo ao tempo que non chove, porque estamos fóra, ao frío", lamenta. Contra as 12.30 horas, Renfe informou vía Twitter de que o tren estaba estacionado neste apeadoiro por obstáculos na vía e que a viaxe proseguiría até León por autobús.

Mais Helena e o resto de viaxeiros non tiveron coñecemento disto até pasados uns minutos. Arredor das 13 horas, esta pasaxeira sinalou a Nós Diario que acababan de chegar os autobuses para trasladalos. "E desde aí [León], que 'xa nos dirán'", explica, con incerteza sobre como se retomará o traxecto cara a Barcelona.

O tren debería chegar sobre as 13h a Astorga, e o importante atraso, de máis de dúas horas polo de agora, causa importantes prexuízos. "Aquí hai unha rapaza auxiliar de enfermaría que ten traballo e non vai poder chegar, ou como mínimo descansar antes de entrar ao hospital", relata Helena, molesta co deficiente funcionamento dun tren que de por si tarda 13 horas en chegar ao destino e que mantén un prezo de 60 euros.

Un tren, porén, do que apenas puido facer uso, dado que boa parte do traxecto é finalmente en autobús. "É practicamente unha incomunicación, a liña Vigo-A Coruña vai máis ou menos 'perfecta', pero cando a cidadanía quere trasladarse ás zonas de interior non existen vías de transporte seguras", lamenta, ao tempo que precisa que as liñas da Galiza "non poden fallar deste xeito".

Unha muller co seu gato, após subir ao autobús. (Foto: H. G.)

Á espera de saber como rematarán unha viaxe condicionada polos estragos causados polo temporal, das 13 horas que dura o traxecto Santiago-Barcelona, catro serán percorridas en autobús e non en tren, como cumpriría agardar ao comprar o billete de Renfe. Helena apunta a este xornal, contra as 13.05 horas, de que acaba de subir ao autocar.