Ocupación simbólica do monte do Cha, en Ferrol, para reivindicalo como monte veciñal

IMaxe: Montenoso

Plantarán árbores autóctonas como acivros e carballos.

A asociación montes veciñais do Cha convoca para este sábado, 12 de marzo, unha “ocupación activa” do espazo que lles dá nome, e invita a todos a tomar parte nun acto no que reivindicarán o seu carácter como monte veciñal. A veciñanza de Brión e San Román de Doniños leva décadas loitando polo monte de seu e por iso organiza esta acción, co obxectivo de implicar á cidadanía na defensa do carácter comunal dese monte”.

O monte Cha sitúase no cumio da montaña entre a entrada da ría de Ferrol e o val de Doniños. Conta con 230 hectáreas que na actualidade están xestionadas polo Concello de Ferrol. Ten unha altura de 260 metros sobre o nivel do mar e dende aí pódense ver as rías de Ares,de A Coruña, e de Ferrol.

A comunidade veciñal quere que o seu monte teña a mesma condición que outros tantos 3.000 montes veciñais en man común en Galiza, n”o que a propiedade do monte recae nos veciños e veciñas que residen de forma habitual nese territorio. Así poderían autoxestionar o monte dunha forma sustentable e entre todas as mans”.

O encontro comezará ás 10:30 no lugar de O Confurco, entre Cariño e Doniños (Ferrol). Alí plantaranse acivros, carballos e outras árbores autóctonas, ademáis de haber música, un xantar e refrixerios para os que colaboren c”on esta ocupación simbólica e temporal dun monte veciñal”.