Medio cento de ingresos en 24 horas, 10 en UCI

A ocupación hospitalaria dispárase tras o Nadal, en plena terceira onda

A presión hospitalaria aumenta, tamén, nas unidades de críticos. (Foto: Glòria Sánchez / Europa Press)
A terceira vaga de contaxios por coronavirus xa non se agocha na Galiza. Nas últimas horas os casos activos superaron a barreira dos 8.000 e os novos positivos volveron situarse por riba dos 700. Pero a situación máis preocupante afecta aos hospitais, cun incremento da presión asistencial que eleva  tanto o número de pacientes ingresados en planta como en Unidades de Coidados Intensivos. 

O avance da pandemia na Galiza provocou nas últimas horas un importante aumento da presión hospitalaria. De acordo co última balance publicado pola Consellaría de Sanidade, hai  468 persoas hospitalizadas por Covid-19, 47 máis que un día antes. Do total de doentes ingresados, 71 recupéranse en unidades de críticos, 10 máis que o domingo.

Maior presión asistencial

A presión hospitalaria aumentou en todas as áreas sanitarias xa que todas experimentaron unha suba dos ingresos. Á cabeza, de novo, a da Coruña e Cee. Rexistrou 13 hospitalizacións novas e xa suma 114 pacientes con Covid-19 ingresados, 21 en UCI. A segunda é a de Santiago e O Barbanza, con 109 hospitalizados, catro máis, oito deles, críticos. A área de Vigo recibiu catro ingresos nas últimas horas, até alcanzar os 61, 19 en UCI. 

Destaca, a continuación, a área sanitaria de Ferrol. En 24 horas admitiu no hospital 14 pacientes novos con Covid-19. En total suma 60, seis deles en coidados intensivos. Con menor presión, mais tamén en aumento, sitúanse as áreas de Pontevedra e O Salnés, con 55 ingresados, cinco máis, e 11 en UCI; a de Ourense, Verín e Valdeorras, tamén con cinco ingresos novos, até os 45, tres en UCI, e a de Lugo, A Mariña e Monforte, que conta 24 persoas hospitalizadas tras sumar unha na unidade de críticos, tres en total, e dúas en planta.

Novos positivos

Pero as consecuencias dos desprazamentos e dos encontros sociais durante as festas de Nadal tamén son visíbeis a través doutros indicadores que nas últimas xornadas xa comezaron a amosar unha tendencia á alza.

É o caso dos novos contaxios detectados. Foron 702 nas últimas 24 horas, 627 dos cales foron diagnosticados mediante PCR, nunha xornada na que o número de PCR realizadas descendeu até as 8.049, unhas 800 menos que o día anterior.

A área sanitaria da Coruña foi a que máis casos certificou mediante PCR, 158; seguida da de Vigo, con 120, e Ourense, con 114 novos positivos.

A taxa de positividade segue en ascenso ao igual que a incidencia acumulada, tanto nas principais cidades do país como en concellos con poboación escasa e moi envellecida. A porcentaxe de PCR positivas sitúase en 7,9%. E a incidencia a 14 días no conxunto do territorio achégase á barreira dos 300 casos por 100.000 habitantes que xa superan as áreas da Coruña e Santiago.

Residencias

Nas residencias de maiores, os casos activos de coronavirus diminuíron entre o colectivo de usuarias e aumentou entre os traballadores. Hai 268 infeccións activas entre as persoas residentes e 134 o cadro de persoal. Malia as altas rexistradas nas últimas horas, DomusVi Vimianzo segue á cabeza con 88 casos.

Falecidos

No que vai de pandemia, o número de falecidos na Galiza é de 1.450 tras o último balance comunicado polo Sergas. En 24 horas notificou cinco novas mortes.