"Ocultan algo": organizacións e colectivos sospeitan do silencio da Xunta a respecto da mina de Touro

Imaxes: Laura R. Cuba

Unha delegación de 40 colectivos e organizacións dirixiuse á Valedora do Pobo para pedir unha “intervención urxente” ante a Consellería de Economía e Industria para que faga público o expediente da concesión.

“Están poñendo moitas pexas e iso indica que ocultan algo”. Xaquín Rubido, Xocas, portavoz da Plataforma en Defensa da Ría de Arousa (PDRA) resumía con esta frase as sospeitas e malestar existente no tecido social e produtivo que se opón á mina de Touro-O Pino perante o silencio  da Xunta á petición de facer público o expediente administrativo da concesión desa mina.

 

Unha solicitude cursada o pasado mes de xaneiro por uns 40 colectivos e organizacións e que, catro meses despois, non tivo resposta por parte da Consellería de Economía e Industria. Por iso, unha delegación destes colectivos se desprazou esta quinta feira até Compostela para se reunir coa Valedora do Pobo. “Queremos que a Valedora do Pobo faga o seu traballo”. É dicir, que esta entidade inste a Xunta a facer público ese expediente.

Representantes de confrarías de pescadores, de produtores de mexillón, de organizacións agrarias e ambientalistas, así como da Plataforma Mina Non facían parte desta delegación; que estivo apoiada por Montse Prado (BNG), Antón  Sánchez (En Marea) e Julio Torrado (PSdeG). “Agradecemos publicamente o apoio destes tres grupos poíticos. O que falta, o PP, non está porque non quere”, sinalou o portavoz da delegaión e da PDRA.

 

Estas organizacións queren saber as condicións nas que se outorgou a concesión “e todos os procedementos administrativos até hoxe: analíticas, inspeccións…”. A actitude de ocultación da Xunta supón, denuncian, “furtar información á cidadanía” e insisten nos riscos que representa o proxecto a nivel ambiental, social e económico non só para Touro e O Pino, senón tamén noutras zonas como a Ría de Arousa.