Silvia Cameán, concelleira de Xustiza Social e Coidados Concello da Coruña

“O obxectivo da renda social municipal é favorecer a autonomía das persoas”

[Imaxe: Concello da Coruña] Silvia Cameán

A pasada sexta feira, o Concello da Coruña abriu o prazo para solicitar a renda social municipal, unha axuda económica periódica destinada ás persoas en situación de vulnerabilidade. Silvia Cameán, concelleira de Xustiza Social e Coidados, declárase orgullosa por “poder dicir que o que un día imaxinamos é hoxe unha realidade e por conseguirmos realizar algo que, segundo outros, era irrealizábel”.

Unha das propostas estrela da Marea Atlántica para o Concello da Coruña foi a renda social municipal. Após un ano de traballo, que balanzo fai?

Sempre consideramos urxente cubrir as necesidades básicas dos veciños e veciñas e logo dun ano intenso, de moito traballo e con moitas mans, lográmolo. A renda social municipal é unha prestación económica que outorga o Concello da Coruña e que está destinada a paliar situacións temporais de necesidades relativas á cobertura de recursos mínimos para poder vivir. En tempos de emerxencia social, onde hai miles de persoas que teñen sen cubrir as necesidades mais básicas, e preciso actuar desde as Administracións para evitarmos que esta xente estea nunha situación indebida e indigna.

Cal é o obxectivo principal da renda?

Garantir ese mínimo vital, as necesidades máis básicas para a vida, como son a alimentación, a vivenda, o transporte e o vestiario. Entendemos que hai que saír desa situación en que se atopan estas persoas e pretendemos acompañalas para que poidan acadar unha autonomía persoal. Nós non entendemos os servizos sociais só para pagar facturas e para prestar un servizo asistencialista, senón para irmos á causa do problema e directamente axudar estas persoas a ter unha autonomía vital, que é o fin principal.

"A axuda vai dos 532,51 euros aos 1.065,1 euros ao mes"

A canto ascende a axuda?

As contías varían en función dos membros de cada unidade familiar, desde os 532,51 euros ao mes (o 100% do IPREM) para unha única persoa aos 1.065,1 euros para 6 persoas (o 200% do IPREM). Inicialmente é seis meses, mais faise unha valoración do grao de cumprimento do proxecto de inserción social e se se cumpriron os pasos e obrigas que levan aparellados ser beneficiario desta renda prorrógase por outros seis meses, sempre e cando se cumpran os requirimentos. Pódese estar percibindo esta renda por un máximo de 18 meses. Transcorridos dous meses, se se volve a dar a mesma situación, volveríase empezar.

En que consiste o proxecto de inserción social?

Defínese particularmente entre traballadora social e a familia, polo que non hai un proxecto estándar. Sempre vai ir en función das necesidades que existan, que poden ser necesidades laborais, de busca de emprego, formativas, necesidades familiares, de escolarizar os menores...

E os requisitos xerais para acceder á renda?

Ter cumpridos os 18 anos; que non existan familiares con posibilidade de prestar axuda, un requirimento legal que se contempla como tal aínda que entendemos que hai casos en que non llo podemos esixir a quen non ten suficientes recursos; levar seis meses, como mínimo, empadroado no Concello; non ter dereito a percibir a Risga, xa que a propia normativa da Risga advirte desa incompatibilidade, e requirimentos económicos en función dos membros que formen parte da unidade de convivencia. A capacidade económica correspóndese coas contías da axuda ás que aludín antes.

"Os servizos sociais están para acompañar e empoderar"

Que cambios supón esta iniciativa a respeito do que había até o momento?

Supón dar unha ferramenta absolutamente necesaria no momento en que vivimos. Anteriormente, nos servizos servizos non se articularon novas medidas, e iso que cada ano aumentaba a taxa de risco de pobreza, que aumentou en máis dun 50% durante o Goberno do PP na cidade. Tendo eses dados, que non se articularan ferramentas sociais resulta alarmante. A principal diferenza radica nese acompañamento e nesa busca da inclusión, pois nós non concibimos a renda como unha axuda asistencialista. Os servizos sociais están para acompañar e empoderar, para que as persoas poidan vivir con dignidade de cara a garantir a súa autonomía, que é o noso obxectivo.

Cal foi a crítica máis repetida sobre esta renda social municipal?

A crítica que máis escoitei sinala que como vai querer a xente traballar se estamos garantíndolle unha axuda! E eu respondo que ninguén querería ser beneficiario desta renda polo que iso implica: unha situación de miseria na que unha persoa non pode pagar uns mínimos. Hai que interpretar isto como o que é, unha cuestión de xustiza social e de dereitos humanos. Non pode ser que haxa persoas que non poidan vivir e é intolerábel ver iso para quen estamos na administración.

O feito de que no inicio a ordenanza que regula a renda non incluíra as persoas inmigrantes en situación administrativa irregular tamén provocou malestar.

Despois de que se puidese reorientar a ordenanza ao ámbito prestacional, o Foro Galego de Inmigración, cos que estivemos traballando, presentou unha emenda porque así llo pedimos e puido estimarse e darlle cabida precisamente pola reorientación da ordenanza ao ámbito da prestación. A ordenanza saíu adiante froito  do consenso xurídico, de moitas xuntanzas e moitos debates. Nós sempre tivemos vontade política de incluír as persoas inmigrantes en situación irregular, mais era unha cuestión xurídica que puido finalmente resolverse.

"Co PP había listas de espera de 5 meses e agora a espera está en 15 días"

En que traballa a concellaría que vostede dirixe?

Levamos a cabo diversas medidas contra a pobreza enerxética, asinamos así convenios con Gas Natural e Iberdrola para evitar cortes de luz a quen non pode pagar; seguimos co programa de vivendas de emerxencia social para quen se queda sen vivenda; lanzamos un programa de comidas a menores cando se fechan os centros educativos... E seguimos traballando para mellorar o propio servizo. Algo que conseguimos foi reducir as listas de agarda na atención inmediata. Co PP había listas de espera de 5 meses e agora a espera está en 15 días. Seguimos tamén traballando cos asentamentos precarios, un traballo que sufriu un cambio bestial, pois  impulsamos as tarefas desde distintas perspectivas e implicamos distintas concellarías, como a de Vivenda, a de Igualdade e a de Medio Ambiente.