Abortos

A obxección de conciencia na sanidade pública, a debate

[Imaxe: Eduardo García Cruz] Material cirúrxico

O Sermos Galiza 219 recolle unha ampla reportaxe arredor do debate sobre a obxección de conciencia na sanidade pública. Entre as voces que recollemos atópanse a de Manuel Martín (portavoz SOS Sanidade Pública), Luís Doval (Xefe de Xinecoloxía do CHOU e pioneiro en practicar abortos na Galiza), Francisca Fernández Guillén (avogada da paciente que o Sergas derivou a Madrid e sufriu a perda do seu útero), Marga Corral (activista da Plataforma pola Defensa ao Aborto) e os sindicatos CIG, CCOO e UGT. Eis un extracto da peza.

A obxección de conciencia carece de regulación específica no corpus lexislativo estatal, agás no caso da obxección ao servizo militar, recoñecida na constitución (art. 30.2). Con todo, a Lei Orgánica 2/2010, de 3 de marzo, de saúde sexual e reprodutiva e da interrupción voluntaria do embarazo, aprobada polo Goberno do PSOE, recolle no seu artigo 19 que “os profesionais sanitarios directamente implicados na interrupción voluntaria do embarazo (IVE) terán o dereito de exercer a obxección de conciencia”. Porén, engade que “sen que o acceso e a calidade asistencial da prestación poidan resultar menoscabadas polo exercicio da obxección de conciencia”.

“O rexeitamento ou a negativa a realizar a intervención da interrupción do embarazo por razóns de conciencia é unha decisión sempre individual do persoal sanitario directamente implicado na realización da interrupción voluntaria do embarazo, que debe manifestarse anticipadamente e por escrito”, apunta. Agrega que “en todo caso os profesionais sanitarios dispensarán tratamento e atención médica adecuados ás mulleres que o precisen antes e despois de se someteren a unha intervención de interrupción do embarazo”.

 

[Podes ler a reportaxe íntegra, coas opinións dos expertos e expertas no número 219 de Sermos Galiza, xa dispoñíbel nos quiosques e na loxa]