A obstétrica, unha violencia normalizada

"As profesionais vémonos atadas de pés e mans pola sobrecarga asistencial e pola falta de material", explica unha matrona. (Foto: Europa Press)
O centro asociado da UNED organiza a próxima semana unhas xornadas para formar, facer visíbel e previr a violencia obstétrica. 

A violencia obstétrica existe. Trátase dun tipo de violencia de xénero que, desde a asociación O Parto é Noso definen como “o acto de ignorar a autoridade e autonomía que as mulleres teñen sobre a súa sexualidade, os seus corpos, os seus bebés e as súas experiencias de xestación e parto”. É tamén violencia obstétrica ignorar “a espontaneidade, as posturas, os ritmos e os tempos que o parto require para progresar con normalidade”, así como tamén desatender “as necesidades emocionais da nai e do bebé en calquera momento do embarazo, parto e posparto inmediato”. 

Un modo de violencia que será tratado a próxima semana, desde o día 17 até o 19, nas xornadas que ofrece o centro asociado ourensán da UNED e que se retransmitirán a través da rede, previa inscrición.

Tres psicólogas, Iria Carnoto, Natalia Guedella e Andrea Rodríguez; unha avogada, Ana García; unha traballadora social, Elena Gil e unha matrona, Begoña Pérez; serán as responsábeis de ofrecer unha aproximación teórica e práctica da violencia obstétrica e de reflexionar sobre a necesidade da súa visibilidade e prevención.

Gil, traballadora social e representante da asociación O Parto é Noso –que abrangue perto dun cento de mulleres galegas– explicará na súa intervención  que "pór nome a este tipo de violencia foi unha revelación que permitiu esclarecer que non son casos puntuais que lle poden acontecer ás mulleres, senón que é unha situación normalizada, mais por sorte, desde hai 10 anos, vanse dando menos casos”, expón en declaracións a Nós Diario.

A traballadora social sinala que este tipo de violencia deixa, en maior ou menor medida, secuelas ás xestantes. “Procedementos como a episiotomía –sección cirúrxica na vulva para facilitar o paso da cabeza do feto– practícanse de maneira habitual e moitas veces sen unha xustificación, o que logo leva a ter problemas anais ou vaxinais ou dificultades nas relacións sexuais”. Iso no físico. No mental “temos coñecemento de mulleres que relatan os seus partos como experiencias traumáticas, chegando a ter trastornos de estrés postraumático, cando debería ser un dos días máis felices da súa vida”, comenta Gil.

Desde o punto de vista do persoal sanitario, Begoña Pérez, matrona no Hospital de Verín, expón que as profesionais son conscientes de que existe violencia obstétrica “cando causamos estrés e malestar ás xestantes” mais “vémonos atadas de pés e mans pola sobrecarga asistencial, a falta de medios e uns protocolos non actualizados que non nos permiten traballar doutra maneira”.

Na súa opinión, “deberíase respectar máis os desexos das mulleres, na medida do posíbel, á hora de dar a luz”. Parir de pé ou a catro patas “non se realiza porque as profesionais non se senten preparadas para atender un parto desa maneira”. Por iso considera que se debería “tratar as mulleres como xestantes e non como pacientes, xa que estamos aí para acompañalas e informalas”. 

Pola súa banda, a avogada e fundadora de Femlegal, Ana García, fechará as xornadas cunha intervención na que tratará o asesoramento xurídico ante casos de violencia obstétrica, a cal “é unha manifestación máis da violencia de xénero, entendida desde o Convenio de Istambul e a Lei galega para a prevención do tratamento integral da violencia de xénero, que define este concepto como calquera tipo de violencia que atenta contra a muller polo mero feito de ser muller”, indica en declaracións a Nós Diario