O observatorio Esculca reclama medios non militares fronte á emerxencia polo coronavirus

Vehículos militares no centro de Vigo (Esculca).

O observatorio para a defensa dos dereitos e liberdades critica a presenza das forzas armadas nas rúas galegas. 

 

O observatorio para a defensa dos dereitos e liberdades Esculca critica a presenza de "militares armados e carros blindados do exército" nas rúas das cidades galegas, o que considera "innecesario" para combater a emerxencia sanitaria que vive o país.

Segundo este colectivo de ámbito galego que traballa na defensa dos dereitos e liberdades públicas garantidos na Constitución e nos tratados internacionais a presenza das forzas armadas pode provocar, "xunto coa retórica e as expresións belicistas que alagan desde hai uns días os medios de comunicación oficiais, efectos perversos sobre os dereitos, individuais e colectivos, que tan seria erosión padeceron nos últimos tempos".

"Non sabemos se as autoridades que puxeron en marcha este dispositivo buscan provocar eses efectos adversos normalizando a presenza de patrullas armadas nas cidades ou se pretenden xustificar con esta visibilidade pública o aumento exponencial das despesas militares das últimas décadas, cando recortaron tan severamente o gasto en sanidade pública", cuestionan desde Esculca.

O colectivo non ve "xustificación" na "intervención" do exército, pois aseguran que non houbo "situacións perigosas", como "motíns armados", "ataques violentos e multitudinarios a persoas ou estabelecementos públicos" ou a "ameaza de invasión dunha potencia estranxeira". Así, manifestan que está a realizar "funcións que calquera policía municipal desempeña sen problema".

No que consideran "un contexto dramático de limitación de dereitos fundamentais", desde Esculca manifestan a súa "preocupación" e "desconfianza", polo "exorbitante dispositivo militar posto en marcha polo Goberno estatal".