Obrigan a retornar á súa provincia un condutor zamorano interceptado nun acceso a Galiza

A Garda Civil sinala que circulaba “entre provincias” sen causa xustificada baixo o estado de alarma.

A Garda Civil interceptou nun dos accesos a Galiza un cidadán zamorano, que se viu obrigado a regresar á provincia de orixe no marco das medidas que imperan baixo o estado de alarma pola crise sanitaria do coronavirus.

Segundo informou o Instituto Armado, os feitos tiveron lugar a principios da pasada fin de semana, cando o condutor, que circulaba sen causa xustificada entre as provincias, declarou que estaba en días de descanso e ía visitar a súa familia

O condutor, de 55 anos de idade, foi interceptado nun "punto de control COVID" con "numerosos vehículos verificados".

Os axentes tamén decidiron, "baseándose en signos sensíbeis afíns ao consumo de sustancias psicotrópicas", someter o condutor a unha proba inicial de drogas, na que deu positivo á THC, á espera de confirmar un laboratorio independente.