O Obradoiro berra pola liberdade do Sáhara e dos presos políticos

[Imaxe: Rubén Cela]

A praza do Obradoiro, en Santiago, acolleu na mañá do domingo unha concentración convocada por Solidariedade Galega co Pobo Saharauí (SOGAPS) en defensa da liberdade do Sáhara Occidental e dos presos saharauís.

Cun encadeamento e con pancartas reivindicativas, as persoas que responderon ao chamamento de SOGAPS reclamaron a liberdade dos presos políticos saharauís e a fin da ocupación do territorio do Sáhara Occidental por parte de Marrocos.

 

Maite Isla, presidenta da asociación, cualificou de “vergoña” e “humillación” a decisión dos tribunais marroquís que condenaron os presos políticos saharauís a penas de entre 20 e 40 anos e con cadeas perpetuas pola súa loita pola liberdade do Sáhara Occidental. “En España”, salientou, “hai políticos que teñen a responsabilidade e non a asumen”.

 

No acto participaron, alén de Maite Isla, o delegado da Fronte Polisario na Galiza, Saab Elmawi, a concelleira de Políticas Sociais de Santiago, Concha Fernández e a deputada do BNG Monste Prado, en representación da comisión interparlamentar en apoio o Sáhara. Tamén asistiron familias de acollida e crianzas do programa Vacacións en Paz.

 

Saab Elmawi apelou ao cumprimento da aplicación da legalidade internacional e reclamou o apoio das persoas ante os “momentos difíciles” que atravesa o pobo saharauí, cuxo territorio foi ocupado de maneira ilegal por Marrocos.

 

Na mesma liña, Montse Prado expresou a súa solidariedade co pobo saharauí, criticou a actitude de Marrocos, esixiu a anulación do “xuízo farsa” e esixiulle á comunidade internacional “que deixe de mirar para outro lado e de facer oídos xordos”. “Corenta e dous anos de exilio son máis que suficientes e o Estado español debería ser parte da solución ao problema do pobo saharauí e non parte do problema”, afirmou a nacionalista.

 

Montse Prado salientou que o Estado español “ten que lle esixir a Marrocos o respeito polos dereitos humanos”. A situación que vive o pobo saharauí, engadiu, “ten que ser portada nos xornais e abrir os informativos. Non se pode permitir que continúe así”. Concluíu amosando o apoio do pobo galego ao saharauí e apelando ao referendo de autodeterminación, que ten que se celebrar “xa”.