O xuíz suspende a proba pericial de Carlos Taibo e Bernardo Maiz por "impertinencia ao Ministerio Fiscal"

Após máis de dúas horas de intervención do perito da Garda Civil, o xuíz da Sala do Penal nº3 da Audiencia Nacional española retirou a palabra e anulou a proba pericial achegada pola defensa por considerar "unha impertinencia contra o Ministerio Fiscal" unha apreciación realizada polo profesor Bernardo Maiz en relación á fiscalía

 

"Abandonen la sala! O es que no hablo castellano cotidianamente?", dixo literalmente o xuíz da Audiencia Nacional, Alfonso Guevara, após retirar a palabra aos peritos da defensa, os profesores Carlos Taibo e Bernardo Maiz, que procedían a expor os resultados dunha súa análise pericial arredor dos informes practicados pola Garda Civil na causa que se segue contra @s 4 independentistas acusad@s de "pertenza a organización armada". 

Taibo e Maiz puxeron en cuestión na súa quenda de intervención --que foi negada polo xuíz durante o careo inicial-- as conclusións tiradas polos axentes da Garda Civil nos seus informes. 

"Neses informes hai un salto perigoso entre o que é intuición e sospeitas e o que son certezas", apuntou Carlos Taibo, o primeiro en achegar as súas valoracións á sala por petición dos avogados da defensa. Neste senso, o profesor universitario, que acudiu en calidade de experto en dereito internacional, fixo "catro observacións" en relación á longa exposición da "benemérita" --como se referiu até en dúas ocasións o xuíz Guevara ao axente pericial da Garda Civil. 

Carlos Taibo: "Neses informes hai un salto perigoso entre o que é intuición e sospeitas e o que son certezas"

A comezar polas escasas mencións que os axentes fixeron "aos nomes dos acusados" que son xulgados no proceso xudicial en curso. "Sorpréndeme", acrecentou Taibo "o contraste entre a agresividade no discurso" que a policía española atribúe aos "presuntos manifestos publicados por RG" e a "violencia obxectivamente manifestada". 

Os dous profesores consideraron que os informes policiais "non son aceptábeis desde o ponto de vista das Ciencias Sociais" por alcanzaren "conclusións" baseadas "nun esquema prefixado" ao que os axentes engaden información até obteren o resutado desexado. 

"Nos informes da Garda Civil e da policia hai vontade de relacionar RG co EGPGC", subliñou Taibo, algo que ao seu entender exixe da comparación dos escritos atribuídos a ambas as dúas organizacións, análise da que se tira, dixo, "unha distancia alarmante" entre as mesmas. Para o profesor, "o EGPGC bebe da mitoloxía do marxismo", en troca, os textos que a policía española atribúe nos seus informes a RG --a modo de manifestos-- deixan ver, salientou Taibo, "unha visión do mundo e da organización que bebe do pensamento libertario, da asemblea de base, da autoorganización". "Non entendo que se lle poida dar continuidade á organización", sentenciou. 

Taibo amosouse "preocupado" polas afirmacións deitadas nos informes policiais a respeito de organizacións independentistas legais "sen causas abertas" ás que os axentes vinculan "co independentismo radical violento"

Os axentes da Garda Civil que actuaron a modo de peritos policiais na vista desenvolveron unha "correlación organizativa" que viría a "demostrar" a existencia dunha organización armada no independentismo galego, após estabeleceren unha conexión entre "a UPG de Moncho Reboiras, LAR, EGPGC e Resis", esta última, din, xérmolo da suposta RG. 

"Non coñecen a realidade", afirmou con rotundidade Bernardo Maíz, quen quixo apelar ao vínculo existente entre o fiscal e Galiza --onde aquel tería pasado uns anos da súa vida pofesional-- para asegurar que "é unha realidade que non ten a ver con ningunha outra". 

A apreciación de Maiz en relación ao Ministerio Fiscal irritou o xuíz Alfonso Guevara quen, após mandar calar ás testemuñas da defensa, expulsou os dous profesores da sala e posteriormente suspendeu a proba pericial e a sesión até a cuarta feira ás 17.00h. "Impertinencias contra o Ministerio Fiscal non vou tolerar", espetou. 

Os avogados da defensa enunciaron protesto perante a expulsión e solicitaron igualdade de trato para os seus defendidos: isto é, a retirada dos informes da Garda Civil [xa que foron retirados os testemuños de Taibo e Maiz]. Guevara recusou tomar en consideración as queixas da defensa.