Arquivada a investigación por contratación irregular na que estaba imputado o director xeral de loita contra incendios

Fernández Couto coa conselleira, Rosa Quintana. Imaxe da Xunta

 

O Xulgado de Instrución nº3 de Compostela decidiu o sobreseemento provisional e arquivo das actuacións contra o director xeral de Ordenación Forestal, Fernández Couto, pois entende que a decisión que adoptou este cargo en 2012 ao adxudicar os helicópteros de loita contra o lume á empresa Inaer foi “adecuada”.  Couto, a persoa que desde hai 17 anos é o máximo responsábel galego na loita contra os incendios, estaba a ser investigado por presuntas irregularidades na contratación do servizo de helicópteros.

 

O auto ao que tivo acceso Europa Press indica que a adxudicación dos helicópteros foi unha decisión "ponderada e adecuada" para "a preservación do interese xeral" e que "non pode considerarse arbitraria". O  maxistrado considera que as "esixencias legais foron respectadas".

 

Con todo, ao comezo do auto, o propio xuíz constata que a adxudicación "carece da cobertura contractual que, en situación de normalidade, debese existir". A Fiscalía, que presentou unha denuncia en 2013 pola que se iniciou a instrución, estuda se recorrerá ou non a decisión do xuíz de arquivar a investigación.

 

CIG presentou en 2012 perante o xulgado de Santiago unha denuncia sobre a actuación da daquela Consellería do Medio Rural e do Mar en canto ao servizo de extinción de incendios con helicópteros á empresa Inaer, responsábel da gran maioría das aeronaves de salvamento, gardacostas ou emerxencias da Xunta. O Consello de Contas tamén detectou diversas irregularidades nos contratos de helicópteros.