Caderno de Verán

O verán de... Berto Mira (Verto): "Conto con facer o Camiño coa miña moza"

Berto MIra, á esquerda da foto
Entrevista no 'Caderno de Verán' co integrante do dúo. 

O dúo Verto está a acadar un grande éxito, principalmente entre as novas xeracións, como se está a desenvolver o verán?

Con bastante traballo. Temos moitas actuacións en moitos lugares da Galiza. Quizais collamos vacacións unha semana deste mes, pero desde logo será un verán de traballo. Estamos moi contentos dada a situación, é un luxo que nos chamen nesta etapa tan complicada. Realmente tivemos moita sorte de que o noso formato gustase.

Nesa semana que terá de vacacións que pensa facer? Ten algún plan? 

Conto con facer o Camiño de Santiago coa miña moza, xa o fixemos tres veces comezando desde diferentes puntos e gústame moito. Desta vez probabelmente saiamos desde Oviedo, xa fun antes e encántame o lugar. Prefiro facer o Camiño que as viaxes longas, levo moi mal o cambio de rutina. Ademais desta escapada, o meu plan principal é relaxarme, son unha persoa moi simple; na casa estou moi ben e agora que rematei a carreira toca descansar.

Segundo o que ten pensado para este verán, non parece que a Covid vaia afectar ás súas vacacións.

Non, eu son moi caseiro entón a Covid non chegou a cambiar a miña vida como tal. Claro que boto de menos saír pero no que respecta ao meu día a día estou ben. Pódese facer música nun espazo fechado, e o Camiño é perfecto ao realizarse ao aire libre, entón non truncou ningún dos meus plans. Estou máis triste, como todo o mundo, pero a miña vida non cambiou moito.

Durante o verán habitúa visitar algún lugar concreto da Galiza que lle guste especialmente? 

Calquera sitio da Coruña, gústame descubrir a cidade. Hai pouco a miña moza e mais eu fomos a unha das casas burbulla que está a coller tanta fama e estivo moi ben.

Xa que lle gusta pasar un verán tranquilo, podería recomendar un grupo de música, un libro ou o que queira para este verán?

Recomendo a serie The Leftover, que trata sobre o sufrimento humano. No referido á música, estou escoitando moito a Colectivo da Silva. Con respecto ás lecturas, recomendaría Espera a la primavera, Bandini, de John Fante.