Caderno de Verán

O verán de...Mario Brión: "Son de mar e sempre me preguntaba que faría a xente de interior no verán"

Sendo youtubeiro e creador de contido, como se presenta este mes de agosto?

Practico remo e no verán teño moitas competicións polo que marcho, principalmente, ao País Vasco e a Cantabria, case cada fin de semana. No que respecta ás redes sociais, si debería aproveitar o verán para crear máis contido pero, aínda que pareza paradóxico, teño pouco tempo co tema de remo. Cando quero publicar algo un día concreto, adoito deixalo preparado con anterioridade.

Cando non ten que competir, que actividades lle gustar realizar no seu tempo libre?

De neno adoitaba ir todos os días das vacacións á praia. Eu que son de mar sempre me preguntaba que faría a xente de interior no verán. Co tempo deixei de ir pero, o ano pasado, co tema da pandemia, coido que pasei máis días na praia que nos últimos cinco veráns. Sempre intento non estar en lugares ateigados de xente, evito as aglomeracións. Agora teño a escusa perfecta para convencer as miñas amizades de ir a sitios que son máis solitarios.

No referido á Galiza, hai algún lugar no que lle guste especialmente pasar as vacacións?

Se non me apetece ir moi lonxe, quedo na casa, en Boiro, e paso o día na praia de Mañóns, que é moi tranquila. Se quero cambiar, gústame moito a praia das Furnas ou a de Río Sieira en Porto do Son.

No que respecta ás vacacións, mudou a pandemia da Covid-19 algún dos seus plans para este verán?

De momento non. Sempre que viaxo é en setembro, cando remata a liga de remo, polo que aínda non influíu moito nas miñas vacacións. Espero que a situación mellore para poder visitar algún lugar ao final do verán, aínda que sexa preto.

Xa para rematar, podería recomendarnos algunha música que estea escoitando ultimamente para descubrir nestas vacacións? 

Recentemente estiven escoitando moito a Azealia Banks. Fíxose coñecida por unha canción e porque sempre está metida nas polémicas de Twitter, coido que iso nubrou a súa obra; aínda que si é certo que está un pouco tola, por iso me gusta. Tamén recomendo moito o último videoclip das Tanxugueiras, que aparecen con lume, e que ben bailan!