Caderno de Verán

O verán de... María Mera: "Reláxame moito escapar ao mar, resetéame"

Entrevistamos a actriz no 'Caderno de Verán'

Permítelle o seu traballo coller vacacións durante o verán?

Si, hai tempo para todo. O noso traballo ten unha parte de traballo moi intensa na que non hai tempo nin para comer, pero tamén hai temporadas máis libres. Este mes de agosto parece que si terei vacacións.

E ese tempo libre como lle gusta ocupalo?

Como son nai de dúas nenas paso moito tempo con elas, coido que é o mellor regalo que lles podo facer. Xogamos, buscamos novos parques, imos á praia... facemos plans distintos. Pero tamén me gusta sacar tempo para min e facer ioga ou ler un pouco, é o que máis aprecio nestes momentos. En agosto conto con ir á praia de Boca de Río, en Carnota, que descubrimos o ano pasado; para as crianzas é marabillosa. Fórmanse unha piscinas naturais, sen moita profundidade, polo que é perfecto. É un lugar moi bonito e as veces que fomos foi incríbel.

Aínda que a situación de pandemia parece mellorar, continúa a Covid a truncar os seus plans?

Este verán non porque xa non pensamos ningún plan. Somos moi conscientes do que estamos a vivir, mais coido que con cabeza e sentido temos unha gran variedade de plans que se poden realizar respectando as normas.

Ademais de Carnota, hai algún lugar ao que lle guste ir especialmente no verán? 

Encántame a praia. Escapar ao mar é algo que me relaxa moito, que me resetea, de feito, o primeiro baño do ano fíxeno en febreiro. Acostumo ir á praia en calquera momento, aínda que sexa só para pasear. Ademais tamén me gusta moito ir á aldea onde me criei, a Torre, no concello de Vedra, e pasar tempo con meus pais. A aldea e a praia son os dous lugares que máis feliz me fan, nos que máis volvo a min mesma.

Podería recomendar un libro, unha serie ou un grupo de música para estas vacacións? 

Recomendaría os libros de  @Luciamipediatra (en Instagram), que son tanto para as nais como para as crianzas. Tamén para os máis pequenos recomendo o disco Pan de millo, dos Migallas, eu xa sei o repertorio enteiro! Con respecto ás series, Mare of Easttown, con Kate Winslet, un thriller que me deixou conmocionada.