Caderno de Verán

O verán de... Ana Miranda: "Viaxo todo o ano por traballo, polo que cando teño uns días libres o que quero é estar na aldea"

Ana Miranda
Entrevistamos a política no 'Caderno de verán'

Con tanta viaxe por traballo, pode permitirse no verán coller vacacións?

Collo vacacións relativas, sempre estou co ordenador, pero si intento parar.  Viaxo todo o ano por traballo entón o que máis me apetece cando teño uns días libres é estar na aldea. Porén, si conto con facer algunha escapada pola Galiza. Este foi un ano moi duro para min por cuestións persoais que si supuxeron un cambio na miña vida, entón van ser unhas vacacións diferentes.

É certo que vostede non para de viaxar pero cando fixo a súa última viaxe por pracer?

Si, non paro, dentro de pouco xa volvo á voráxine de sempre, en breve teño que ir a Bruxelas e tamén a Barcelona por cuestións de traballo. A última vez que viaxei por pracer foi coa miña filla hai uns meses, pero xa había moito que non facía algo así!

Cando ten algún momento libre, que actividades lle gusta realizar?

Teño tan pouco tempo de lecer que até me custa pensar en que se fai! Gústame andar pola praia e ler, principalmente. Ultimamente estou pintando móbeis, píntoos de cores diferentes para rexeneralos e darlle unha nova vida. Tamén estou a ordenar fotos e a limpar, cando teño un estado de ánimo máis baixo axúdame facer tarefas manuais e rápidas para non pensar. Este verán, volver á aldea vai ser duro; costa volver a un espazo baleiro. Estas transicións nunca son fáciles, pero aí estamos.

No que respecta a Galiza, hai algún lugar ao que lle guste ir durante as vacacións especialmente?

Si, hai moitos. Fisterra ou A Guarda gústanme moito, pero en xeral toda a Galiza enteira. Porén, coma sempre, visitarei Cuntis, o lugar onde nacín.

Dixo que lle gustaba ler nos seus momentos libres, recoméndenos algunha lectura, ou tamén un grupo de música para este verán.

Agora mesmo estou lendo o último libro de Chomsky en inglés que me está a gustar moito. Tamén me recomendaría unha recompilación de relatos que se titula Elas, de diversas poetas que falan sobre a violencia de xénero. Con respecto á música, recomendo escoitar a Dios ke te crew