Caderno de Verán

O verán de... Vero Boquete: "O que máis me gusta facer durante o verán é ir á praia e estar coa miña xente"

Entrevistamos a futbolista no Caderno de Verán 'máis'.

Unha deportista da súa relevancia colle vacacións?

Si, normalmente teño un mes de vacacións no verán e sempre aproveito para volver a casa. O que máis me gusta facer durante o verán é ir á praia e tamén estar coa miña xente. No verán vou moito a Porto do Son, é unha vila tranquila con praias fantásticas. Ademais gústame desfrutar da gastronomía galega, durante o ano temos moito control na alimentación.

Falando agora do deporte, como foi manterse en forma durante o confinamento?

Eu pasei o confinamento nos Estados Unidos e o club proporcionounos o material para poder adestrar na casa e ao volver aos campos en forma. Comezamos cos adestramentos individuais e despois en grupo, foi unha volta paulatina. No caso dos futbolistas profesionais, tivemos moita sorte porque se puxeron en práctica os protocolos moito máis rápido que noutros ámbitos.

Como valora o feito de que suscite un interese social moito menor o fútbol feminino que o masculino e como se podería reverter esta situación?

Esa desigualdade é un claro reflexo da sociedade. Falamos do deporte pero sucede en todos os sectores e transmítese de forma xeracional. É certo que nos últimos anos parece que a mentalidade comeza a cambiar, mais a diferenza entre xéneros segue moi presente en calquera ámbito. Quizais no deporte aínda máis. No que respecta ao fútbol, sempre foi un deporte culturalmente machista, o que fai que nos resulte aínda máis difícil facer notar a nosa presenza. Eu medrei sen referentes femininos, sen saber que ser futbolista profesional podía ser unha opción. 

Coido que o maior avance dos últimos tempos foi a aparición de grandes mulleres deportistas que si poidan servir de referencia para as novas xeracións.

E ademais do deporte, tamén lle gusta moito ler, podería recomendar algunha lectura para o verán ou algún grupo de música que habitúe escoitar?

Recomendo a música de Sés, eu escóitoa moito e encántame. No referido á literatura, recomendaría algunha biografía. Moitas veces preferimos ler novelas que nos entreteñen, pero as verdadeiras novelas son as historias da xente.