crise dos pellets

O veciño de Ribeira que deu o primeiro aviso sobre os pellets: "A Xunta estaba avisada e tardou en actuar"

Un dos sacos con pellets atopados en Ribeira (Foto: Elena Fernández / Europa Press).
Rodrigo Fresco, o home que encontrou os pellets, móstrase sorprendido polas reaccións das Administracións galega e estatal, porque "o sabían desde o 13 de decembro", cinco días despois de que o 'Toconao' perdese seis colectores fronte ás costas portuguesas.

O 13 de decembro pola tarde, despois de acabar a súa xornada laboral, Rodrigo Fresco recibiu unha chamada dun cliente e coñecido que estivera na praia de Balieiros, en Ribeira (O Barbanza), e que observara uns sacos cunha substancia branca na area e nas rochas que inicialmente pensou que era cocaína.

Ao acudir alí, este veciño de Corrubedo propietario dun local hostaleiro identificou que se trataba dunhas pequenas bólas de plástico que "cheiraban moi mal, como a gasolina", e observou primeiro "tres ou catro sacos", que despois resultaron ser uns 40.

Nese momento, sobre as 16.30 horas da tarde, foi cando deu a primeira chamada á central do 112 Galiza. Segundo relata Fresco, a central de emerxencias -dependente da Administración galega- púxose en contacto con Salvamento Marítimo -Administración do Estado-, pero que este "non podía actuar porque o mar estaba moi bravo".

Ademais, chamou ao Servizo de Protección da Natureza (Seprona) da Garda Civil, pero remitírono á policía nacional, que á súa vez o redirixiu á autonómica, que dixo "que estaba todo preparados para ir recollelos ao día seguinte". "Mandei localización, mandei fotos, díxenlles ao que cheiraba...", engade Fresco, quen tamén se puxo en contacto con Greenpeace e co propio Concello de Ribeira.

58 sacos

Ese primeiro día, o 13, este home púxose a sacar os sacos cara á zona de rompente que había no primeiro lugar que observou, pero "na outra punta da praia había máis". "Aquilo era un caos, en total o primeiro día había sobre uns 40 sacos", describe. Á mañá seguinte regresou a Balieiros, antes de que chegasen alí as autoridades, e retomou de novo este labor. En total, retirou 58 sacos de pélets da praia.

Rodrigo Fresco móstrase sorprendido polas reaccións das Administracións galega e estatal, porque "o sabían desde o 13 de decembro", cinco días despois de que o Toconao perdese seis colectores fronte ás costas portuguesas.

Con todo, non foi até o 20 cando Salvamento Marítimo notificou por vía telefónica deste suceso co cargueiro a Gardacostas e a Xunta da Galiza activou o plan contra a contaminación mariña (Camgal) despois de que o 3 de xaneiro recibise un correo electrónico por parte do Goberno español.

Fresco critica a xestión por parte de ambas as Administracións, que "estaban avisadas desde antes. "Os que o pagamos somos todos os cidadáns", conclúe este veciño de Ribeira.