640 PERSOAS ASINAN A QUEIXA

O Valedor do Pobo acepta a queixa contra a ordenanza compostelá que limita o uso da vía pública

O pasado xoves día 7 de xuño, o Valedor do Pobo dirixuse ao Concello de Compostela solicitando informes aclaratorios sobre a Ordenanza que limita e impide actividades na vía pública. Ao tempo, tamén remitíronse outros 640 escritos ao alcalde compostelán sen que ningún deles recibise resposta

Neste momento, a iniciativa continúa aberta nesta ligazón, ou no blog do MpDC (Movemento polos Dereitos Civís), onde se pode ler o escrito remitido ao Valedor do Pobo e ao Concello de Compostela.

As organizacións culturais, sindicais, xuvenís, etc., regularmente realizan actividades na vía pública como concertos, proxeccións, manifestacións, concentracións, ou recollida de sinaturas, que se inscriben en dereitos fundamentais como o dereito á reunión, liberdade de expresión, cultura, etc... "E polo tanto, gozan de protección constitucional e non poden ser prohibidos", afirman dende o MpDC.

Pola súa banda, a Agrupación Cultural O Galo convocou de novo ás entidades e colectivos da cidade para organizarse o pasado mércores, día en que decidiron solicitar unha xuntanza co alcalde, Ángel Currás. Na mañá do mércores cursaron a solicitude, e elaboraron un manifesto, asinado por 25 entidades, no que deixan clara cal é a súa postura ante o texto da ordenanza. Aprobaron colocar mesas informativas para dalo a coñecer e recoller sinaturas, ademais de elaborar alegacións individuais e colectivas. Dende a semana pasada, varias asociacións e colectivos que integran a plataforma A Rúa é Nosa! colocan mesas informativas, todas as sextas de 18.00 a 21.00 na Praza do Toural.