O TSXG declara ilegal por quinta vez a consulta do PP ás familias

Jesús Vázquez nunha escola infantil [Imaxe: SG]
A máxima instancia xudicial do país vén de resolver o recurso que presentou STEG contra o decreto do plurilingüismo, e faino nos mesmos termos que empregou para A Mesa, Real Academia, CIG-Ensino e Queremos Galego. O sindicato de traballador@s do ensino celebra unha sentenza que "vai ao fundamento da mentira en que se baseou esta norma" e exixe a súa derrogación e a dimisión de Jesús Vázquez, a quen lle reprochan ter lexislado a favor dos intereses dun colectivo "absolutamente minoritario": Galicia Bilingüe


O Tribunal Superior de Xustiza de Galiza vén de resolver máis un recurso contra o decreto do plurilingüismo: o presentado polo sindicato de traballadoras e traballadores do ensino, STEG. Ao igual que fixera nas sentenzas anteriores, en que estimou parcialmente tamén os recursos presentados por A Mesa, Real Academia Galega, CIG-Ensino e Queremos Galego, tamén desta volta se botan abaixo os artigos 5.2 --consulta vinculante ás familias-- e 12.3 --liberdade do alumnado para se expresar nas aulas no idioma da súa preferencia--, os dous alicerces en que o PP materializou a súa política lingüística na aulas a través da norma 79/2010.

STEG celebra a decisión do Superior e interprétaa como máis un "triunfo", na medida en que "vai ao fundamento da mentira en que se baseou esta norma: a liberdade de escolla das familias". Aplaude tamén que a xustiza subliñe que é deber da consellaría de Educación e non das familias determinar en que lingua reciben aulas as crianzas, na liña de traballar "pola normalización da nosa lingua". Consideran que "é de sentido común" que o alumnado non pode escoller que idioma empregar na oralidade ou na escrita "en contra dun criterio pedagóxico: para aprender unha lingua é preciso o seu uso".

Na mesma liña en que se pronunciaron as outras entidades, tamén esta central sindical rexeita a interpretación que o PP fixo das sentenzas, ao sinalar que só unha pequena porcentaxe é a declarada ilegal. Recalca STEG que a importancia da resolución "non se pode interpretar polo número de artigos que elimina, senón porque os eliminados son esenciais na política lingüicida" do goberno galego.

Partillando tamén o exixido por A Mesa, Queremos Galego e CIG-Ensino, recordado aínda esta cuarta feira após unha xuntanza co BNG, a central de traballador@s do ensino exixe a derrogación do decreto do plurilingüismo e a demisión do seu responsábel, Jesús Vázquez, que vén de ser renomeado titular da consellaría de Educación. A Vázquez repróchanlle que preferise ouvir os argumentos "dun colectivo absolutamente minoritario como Galicia Bilingüe" fronte aos de practicamente a totalidade da comunidade educativa e institucións que traballan pola defensa da lingua, que se posicionaron contra o decreto en termos similares aos que agora recolle o TSXG nas sentenzas emitidas.