O suicidio de Barakaldo coloca os desafiuzamentos no centro do debate político e social

Mentres Partido Popular e PSOE negocian un acordo que se presenta dificil, varios concellos galegos con gobernos progresistas e nacionalistas emprenden unha ofensiva para frear os desafiuzamentos. A banca e as caixas afirman agora estar dispostas a unha moratoria hipotecaria, cando medran as voces que demandan unha reforma da lei

 

O suicidio dunha muller en Barakaldo a pasada semana poucas horas antes de que lle fora expropiada a vivenda polo seu banco, supuxo un golpe decisivo que puxo de relevo o drama latente dos desafiuzamentos hipotecarios. Son xa tres as persoas que desesperadas ante o horizonte da indixencia optaron por se quitaren a vida.

Este ano rematará con case 10.000 desafiuzamentos en Galiza, segundo os datos do Consello Xeral do Poder Xudicial. Arestora, a media é de 17 desaloxos por día, máis do triple que en 2011 cando o promedio era de 5. Cada 24 horas unha media de 50 persoas no noso país é expulsada do seu fogar e fica sen teito, mentres preto de 40.000 vivendas seguen desocupadas. A nivel de Estado as cifras atinxen até as 400.00 familias afectadas, un millón de persoas.

PP e PSOE negocian un acordo

Neste contexto, Partido Popular e PSOE levan días negociando un acordo para, afirman, poñer fin a este grave problema social. Ambas forzas decidiron excluír do acordo a outras formacións políticas, mesmo aquelas que --como o BNG-- teñen proposto con insistencia a reforma legal e formulado propostas como a dación en pago. Aliás, todo parece indicar que o posíbel acordo fica neste momento bloqueado, pola negativa do Goberno central a reformar a lei hipotecaria, texto que ampara de facto o drama dos desafiuzamentos. O executivo de Mariano Rajoy ten previsto aprobar no consello de ministros deste xoves algunha medida.

A este respecto, Ada Colau, integrante da Plataforma de Afectad@s pola hipoteca, criticaba que “son os dous [PP e PSOE] que até agora provocaron a situación de centos de miles de execucións hipotecarias e desaloxos”. “Durante os últimos catro anos impediron que se aprobara ningunha medida para facer fronte a ese problema” acrecenta a activista.

Das informacións que transcenderon das negociacións entre as dúas grandes forzas estatais, dedúcese que o alcance da solución que se está a valorar será moi limitado. Neste senso, o BNG vén de demandar unha reforma da lei hipotecaria “con carácter retroactivo”. A fronte nacionalista reclama tamén un Fondo Social de Axuda que atenda as situacións de maior emerxencia. A deputada nacionalista, Olaia Fernández Davila afirmou no Congreso que “chegan tarde, mal e arrastro ao grave problema dos desafiuzamentos, cando xa hai vítimas mortais e todo acadou unhas dimensións moi preocupantes” .

A banca di estar disposta agora a unha moratoria

A patronal da banca e das caixas, a AEB e a CECA, emitiron sendos comunicados nos que se amosan partidarias de abordar unha posíbel moratoria na execución de desafiuzamentos hipotecarios. Porén, non concretizan en que casos e baixo que condicións a levarían a termo.

Todo apunta a que se reducirá unicamente aos casos de maior necesidade (enfermidade grave, pensionistas...). Este anuncio coincide precisamente no momento no que está no centro do debate a reforma legal que podería, como mínimo, limitar os desaloxos por impago das hipotecas.

Ofensiva municipal contra os desafiuzamentos

Ante a crueza deste drama varios concellos galegos con gobernos progresistas e nacionalistas emprenderon unha ofensiva para tentar frear os desafiuzamentos nos seus municipios. Os gobernos municipais de Silleda, Ares, Vigo ou Pontevedra, veñen a endurecer as súas posicións premendo ás entidades bancarias con retirar as súas contas destas se proseguen expulsando das súas vivendas ás familias que non poidan facer fronte á cota hipotecaria. Varios municipios decidiron tamén que os efectivos da policía local non participarán dos desaloxos. A Federación Galega de Municipios expresou o seu apoio a estas iniciativas que poderían xeneralizarse por todo o territorio.

Aliás, até o Sindicato Unificado de Policía fixo público que prestarán apoio e asistencia a aqueles efectivos que se neguen, por razóns emocionais ou de conciencia, a participar nos operativos xudiciais dos desafiuzamentos. A negativa dun axente podería enfrontalo a sancións que conlevaría a perda de emprego e salario, que o SUP lles cubriría até doce mensualidades.