O Sergas segue a negar a atención sanitaria a inmigrantes grávidas e a menores de idade

[Imaxe: SG]
Denúnciano Foro galego de inmigración, Médicos do mundo, SOS Sanidade pública, Asociación galega de medicina familiar e Fundación Juan Soñador nun comunicado conxunto en que exixen que o decreto da Xunta para persoas en situación irregular se prolongue máis aló dos seis meses iniciais "até que non se derrogue o RD 16/2012"


Cando se fan cinco meses da entrada en vigor do Programa galego de protección social da saúde pública, o 1 de setembro de 2012, as organizacións Foro galego de inmigración, SOS Sanidade pública, Médicos do mundo, Asociación galega de medicina familiar e a Fundación Juan Soñador fan público un comunicado en que dan conta do desleixo que a consellaría de Sanidade, a través do Sergas, mantén respecto da atención sanitaria das persoas inmigrantes en situación irregular.

"Temos documentados decenas de casos en que atopamos atrancos importantes" para pacientes que se integran nas situacións especiais que contempla o RD 16/2012, como mulleres grávidas ou persoas que non cumpriron aínda a maioría de idade. "Se non teñen unha organización de referencia estes atrancos poden ser insuperábeis" alertan os cinco colectivos, que traballan man a man con inmigrantes no noso País.

O remendo "insubmiso" de Feijóo

O programa, presentado pola Xunta como unha medida "insubmisa" respecto da norma imposta desde Madrid e que foi considerada como un remendo con tintes electoralistas pola propia entidade Médicos do mundo ou por organizacións sindicais como a CUT, por estaren as eleccións autonómicas do 21-O xa convocadas, veu porlle data de caducidade á sanidade pública e universal: seis meses.

Era ese o tempo que terían as persoas en situación irregular para demostrarlle á Administración que lidera Núñez Feijóo que carecen de recursos e de seguros que obriguen un terceiro (no país de orixe) a facerse cargo da atención sanitaria que se lle preste na Galiza. O decreto autonómico exixía un mínimo de seis meses de empadroamento para se acoller a el. Quen non chega a eles só poderá acudir a urxencias, a mesma cobertura de mínimos que o Goberno español fixou para tod@s @s inmigrantes irregulares.

Dos seis meses cinco van alá e os cinco colectivos antes citados constataron que o número de persoas que gozan dos beneficios que ofrece esta norma "é moi reducido". Contabilizaron por volta de 300 inmigrantes sobre un total potencial de 9.000 que en setembro de 2012 calculou a propia consellaría de Sanidade.

Falta de información

O departamento da Xunta recoñece 3.000 casos en que a persoa utilizou os servizos sanitarios públicos e non se acolleu ao programa malia reunir as condicións e achacan tal situación á "falta de información ou a unha información confusa que pode provocar a renuncia por medo ou sensación de exceso de requisitos".

O Foro galego de inmigración e as outras catro entidades consideran que a esixencia de documentos identificativos e de empadroamento "son barreiras que dificultan o acceso efectivo e rápido á atención sanitaria". Acrecentan que "o medo polo incremento da persecución policial" xoga en contra da confianza que unha persoa estranxeira que non ten regulada a súa situación pode depositar nas administracións públicas.

Por todo o sinalado, exixen que a Xunta poña "un maior interese e esforzo" na difusión do Programa, así como que amplíe o prazo para que as persoas que non tiñan cartón sanitario antes do 1 de setembro de 2012 poidan incorporarse a aquel "namentres non se derroga o RD 16/2012".