O Sergas quere controlar a información que @s traballador@s facilitan á imprensa

Unha circular enviada aos e ás responsábeis de servizo pola xerencia de Xestión Integrada dos hospitais de Ourense, Verín e O Barco advirte que non está permitido dar datos aos medios ''sen a correspondente autorización''. Tamén veta os medios gráficos


O Sergas prohibe que o persoal sanitario responda "as demandas informativas dos medios de comunicación" sen a correspondente autorización previa.

Faino nunha circular con data do 22 de xaneiro que vai asinada pola xerenta de xestión integrada de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras, Eloína Núñez, á que vén de ter acceso este xornal e que tería sido enviada aos e ás responsábeis de servizo.

Así as cousas, o departamento dependente da consellaría de Sanidade informa de que "a efectos de coordinación e como corresponde a unha institución sanitaria pública" calquera dato facilitado á imprensa deberá contar "coa debida autorización da dirección", ao igual que "a difusión de información, resultados e proxectos vinculados aos centros".

Na mesma circular, xerencia advirte que non está tampouco permitida "a realización de fotografías ou gravación de imaxes" nas dependencias que fan parte da Xestión integrada de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras, vetando así os medios gráficos.

Veto ao convenio coa Igrexa católica sobre asistencia relixiosa

As limitacións no acceso a información que debera ser pública véñense efectuando xa desde antes da emisión desta circular.

Este xornal, co gallo da elaboración dunha información para o seu semanario en papel, contactou co Sergas a fin de consultar o convenio que a consellaría de Sanidade asinou en 1995 coas dióceses galegas para prestar asistencia relixiosa católica nos hospitais públicos e concertados do País. Porén, traballador@s deste departamento informaron de que o documento "non é público".