O Sergas confirma que o ambulatorio de Baltar (Sanxenxo) non aceptará máis consultas porque prevé que haxa só tres médicos

Centro de Saúde de Baltar, no municipio de Sanxenxo. (Foto: Concello de Sanxenxo)
O obxectivo da área sanitaria con esta decisión é "manter unha axeitada atención á totalidade da poboación desta localidade".

A xerencia da área sanitaria de Pontevedra e O Salnés confirmou nesta terza feira a "desactivación" das axendas no centro de saúde de Baltar (Sanxenxo) no que resta do mes de agosto, ante a previsión de que estean dispoñíbeis só catro médicos e, "posibelmente, tres nos días seguintes, dos oito que conforman o cadro de persoal".

Trátase dunha decisión que xa denunciaran nesta mesma segunda feira a Asociación Galega para a Defensa da Sanidade Pública (AGDSP) e máis a Plataforma para a Defensa da Sanidade Pública de Sanxenxo, que o consideraron unha "vulneración inaceptábel" do dereito da poboación para acceder á asistencia sanitaria e ás prestacións do sistema público da Galiza.

O obxectivo, segundo indican desde a área sanitaria, é "manter unha axeitada atención á totalidade da poboación desta localidade" e "dedicar todos os efectivos para atender as consultas urxentes". Trátase, aseguran, dunha medida "provisional" que está previsto manter "inicialmente" até o vindeiro mércores 31 de agosto.

A pasada semana o xerente e a directora da área sanitaria desprazáronse até o centro de saúde de Baltar, onde mantiveron unha reunión técnica cos facultativos para analizar a situación e planificar alternativas que garantan a continuidade asistencial.

Durante o encontro estabeleceuse un circuíto para que a renovación de receitas sexa efectuada pola farmacéutica de Atención Primaria deste ambulatorio.

Así, a área sanitaria de Pontevedra e O Salnés subliña que busca unha reorganización "responsábel" dos medios asistenciais de atención primaria e argumenta que está condicionada pola carencia de profesionais para a contratación no ámbito de Medicina de Familia, alén das vacacións e as baixas por diversa índole.