CADERNO DE VERÁN

O Rianxo máis vivo

[Imaxe: Fotos de Rianxo]

Rianxo atesoura un importante patrimonio cultural, arqueolóxico, mariñeiro e natural que fai da vila un dos epicentros da comarca do Barbanza. Damos a coñecer un Rianxo dinámico con propostas para o lecer desde a cultura e o patrimonio, sen esquecer a gastronomía

De patrimonio a gastronomía, de montaña a mar. Rianxo teno todo para poder gozar do lecer este verán. A arte rupestre, con numerosos exemplares de petróglifos, mámoas e castros, representa un dos emblemas da vila, que conta co Roteiro Arqueolóxico, un trazado específico que leva a coñecer as mostras máis significativas do complexo rupestre rianxeiro. No apartado do patrimonio, alén de igrexas, capelas, cruceiros –hai máis de 118 catalogados– , pazos e hórreos –na parroquia do Araño atópase o máis grande de toda Galiza en canto a lonxitude (36,75 metros a cámara e 37,05 metros o celeiro) e capacidade–, destacamos os museos que acolle a vila natal de Castelao.

 

O Museo do Mar é o centro director e dinamizador de toda a rede museística. Orientado á etnografía e á antropoloxía, dá a coñecer o mar en relación á actividade extractiva, ás embarcacións tradicionais e á carpintaría de ribeira. A Casa Museo de Manuel Antonio é outro dos puntos imprescindíbeis. Trátase do primeiro enclave aberto ao público no seo do proxecto “Academia Literaria de Rianxo”. Situado na casa natal do poeta, na rúa de Abaixo, o centro dedicado a Manuel Antonio transcende a visión máis tópica deste tipo de museos, xa que conserva mobiliario da familia, conta con proxeccións audiovisuais e expón documentos orixinais e obxectos persoais do autor de De catro a catro. A Aula Activa do Mar e a iniciativa particular do Museo de Nós Nuco completan os edificios dedicados a acoller e a difundir a arte.

 

Natureza e paisaxe

 

Rianxo é tamén sinónimo de natureza pola súa orografía sinuosa. Desde puntos do litoral e tamén da montaña podemos observar o concello e a comarca do Barbanza con perspectivas privilexiadas. De subirmos ao Pico Muralla, o punto máis alto de Rianxo, poderemos contemplar a ría de Arousa, tanto a costa norte como a sur, así como a ría de Muros e Noia, Santiago de Compostela e mesmo a ría de Pontevedra. En días claros poden chegar a divisarse as torres da catedral compostelá e as Illas Cíes. Trátase dunha contorna con curiosas fragas de árbores tupidas e multitude de animais en liberdade. As panorámicas de Castro Barbudo, o punto máis alto de Taragoña, tamén son imprescindíbeis pola súa unha impresionante vista da ría e do val do río Té, que pode observarse desde o Monte da Pena ou desde o Alto do Castro. Ademais, o Esteiro do Ulla, que forma unha ampla enseada con zonas de marisma e arboredo de ribeira, é un dos puntos de maior interese das rías galegas desde o punto de vista ecolóxico.

 

Un dos espazos máis pintorescos de Rianxo é Aldea Maldita, no lugar de Abuín, onde as vivendas abandonadas se funden coa fraga nunha amalgama de pedras e madeira. Ao redor deste enclave xurdiron lendas que explicarían o motivo do seu abandono: desde o soterramento dun tesouro até pestes e pragas.

 

Mais se queremos coñecer Rianxo, faise inevitábel camiñar polo seu casco urbano. En apenas hora e media poderemos constatar as múltiples manifestacións mariñeiras da vila, que explican boa parte da vida e obra dos grandes intelectuais rianxeiros.

 

Alén do anterior, o maior atractivo para quen visita Rianxo no verán son as súas praias, de augas tranquilas. A máis próxima ao casco urbano é a de Tanxil, que conta con numerosos servizos. Perto dela atópase a praia de Tronco, un areal pouco concorrido aos pés dunha escarpada parede cuberta de vexetación. Próxima á desembocadura do Ulla, nunha contorna privilexiada, sitúase a praia das Cunchas e separada desta por unha franxa de terra, chamada a Punta do Castro, que abeira un antigo asentamento castrexo, está a praia do Porrón, unha das máis extensas. Mais non só. Rianxo tamén conta coa praia da Torre, que se localiza en Taragoña, ao lado da desembocadura do río Té e na que remata o paseo marítimo da vila. Desde o areal da Torre, ou desde a praia do Pazo, cunhas magníficas vistas da enseada de Rianxo, podemos visitar as ruínas medievais do Castelo da Lúa. Areais de menores dimensións, mais agochados en paraxes naturais e moi tranquilas, son Abuín, Sartaxes, a praia de Quenxo ou a do Porto.

 

[Esta reportaxe foi publicada no Caderno de Verán monográfico sobre Rianxo que acompañou o Sermos Galiza 255, á venda na loxa]