O repagamento impedirá o acceso a próteses ao 70% d@s galeg@s que as precisen

[Imaxe: SG]

Oposición e asociacións de afectad@s solicitan á Consellería de Sanidade que retire o decreto que obriga a adiantar o custo das próteses, que na Galiza oscilan entre os 4.000 e os 50.000 euros


O modelo de repagamento que vai aplicar a Xunta na Galiza impedirá o acceso a próteses sanitarias o 70% das persoas que as precisan. 

O decreto contempla que son @s propios afectad@s os que teñen que adiantar os cartos e asumir o custo da prótese, e posteriormente a administración reintegraralles os cartos. Unha vía que ara a oposición é un “auténtico despropósito”.

De aí que colectivos de persoas con amputacións, como Andade, teñan solicitado a retirada do decreto e pedido, aliás, un maior apoio multidisciplinar para este colectivo. Así o manifestou a deputada socialista Carme Acuña na Comisión de Sanidade do Parlamento Galego, onde solicitou a retirada do decreto.

A parlamentar afirma que o prezo das próteses varía en Galiza entre os 4.000 e os 50.000 euros. Se a iso se engade que Galiza ten as pensións máis baixas do Estado, o resultado é, apunta, que “suporá deixar desatendidos o 70 por cento dos usuarios deste servizo”.