O (re)pagamento chega aos anti-canceríxenos

O goberno español achega unha listaxe de máis de 300 medicamentos dispensados polos centros hospitalarios que deberán ser pagados pol@s utentes. O ministerio de Ana Mato afonda nas disposicións recollidas no decreto 12/2012 e extende o re-pagamento a fármacos para combateren o cancro ou a hepatite C.

 

O goberno liderado por Mariano Rajoy continúa adiante introducindo o re-pagamento entre @s doentes crónic@s. Aliás do cobro polo uso do servizo en ambulancia para transportes non urxentes que coñeciamos a pasada quinta feira, o ministerio de Sanidade español vén de facer pública unha listaxe de máis de 300 medicamentos de prescrición hospitalaria que deberán ser financiados pol@ doente. Entre eles, algúns dos tratamentos contra o cancro ou para paliar os danos da hepatite C. 

Segundo Ana Mato, estes medicamentos eran anteriormente suministrados en farmacia polo que xa estaban suxeitos ao re-pagamento porén, son tratamentos que exixen un control médico continuado e prescrición hospitalaria. Neste sentido, o malestar entre as asociacións de doentes segue en aumento após coñecer a nova. Aliás, critican que os posicionamentos iniciais amosados pola ministra Mato antes de se aprobar o decreto aseguraban que as persoas con enfermidades crónicas ficarían exentas do pagamento de ambulancias e de determinados medicamentos, mais semella que as promesas non serán cumpridas, en gran medida porque o aprobado aparecía recollido xa entre as disposicións do decreto aprobado o pasado mes de abril mediante o que se introducía o re-pagamento. 

Neste sentido, facer fronte ao tratamento de determinadas enfermidades, como o VIH --moi semellante á Hepatite C-- pode custar ao peto d@ doente a metade do seu prezo total (8.000 euros ao ano).