Como sería un mundo gobernado por mulleres? Eis algunhas respostas

Silvia Seixas e Eva Vieites

Como sería un mundo gobernado por mulleres? A pregunta lanzouna a compañía teatral Clásicos nunha hora e catro mulleres vinculadas aos ámbitos da cultura e da política tratarán de a responder no Centro Ágora da Coruña a próxima segunda feira (20.00 horas). Pilar García Negro, política e escritora; Andrea Jamardo, editora en Urco; Silvia Seixas, portavoz do BNG en Arteixo; e Eva Vieites, traballadora da Rede de Bibliotecas da Coruña, avanzan algunhas claves do debate. 

Pilar García Negro, Andrea Jamardo, Silvia Seixas e Eva Vieites responderon a un cuestionario que comezaba por identificar as opresións que sofren as galegas a partir das “cinco caras da opresión” que definira Iris M. Young. Falan do presente.

 

Explotación (a peor das formas hoxe en día)

 

“A peor delas son esas que non son percibidas como tais por quen as sofre nin vividas como abusivas por quen as exerce. O noso é un país onde hai moitas conivencias por falta de consciencia individual ou colectiva de situacións que precisan intervención” (Eva)

 

“A peor é que todos os nosos xornais se financien con anuncios de prostitución” (Andrea)

 

“A peor é toda a sobrecarga de traballo, no campo, no mar, na industria... para alén de todos os traballos asociados á produción e reprodución doméstica, sen que conleven independencia económica e psicolóxica” (Pilar)

 

“Unha ben representativa é a brutal precariedade laboral, xa que trae consigo moitas outras: temporalidade, inestabilidade, salarios miserábeis con horarios escandalosos. E todo isto afecta as nosas relacións humanas e no traballo, pois é capaz de implicar non podermos pagar a vivenda, desenvolvermos problemas de saúde…” (Silvia)

 

Marxinación

 

“A marxinación máis lamentábel hoxe son as campañas institucionais contra a violencia de xénero nas que non se ten en conta a visión das mulleres” (Andrea)

 

“Para min, é o papel da muller como coidadora de membros da familia, que sae gratis á administración. Na Galiza o PP desmantelou os avanzos que se foran producindo de forma a garantir un sistema de benestar para a nosa xente de idade e para as nenas e nenas, porque para ese partido o obxectivo é que as mulleres fagamos o tal traballo e que sexamos totalmente dependentes no ámbito económico e no social” (Silvia)

 

“A derivada dunha subordinación obxectiva e dunha asunción subxectiva. A independencia custa caro conseguila e a simbiose capitalismo-masculinismo non fai máis que impedila ou entorpecela” (Pilar)

 

“Para min é a marxinación laboral. Somos percibidas como potenciais xestantes desequilibradoras das balanzas económicas no caso de seren contratadas. E hai outra discriminación por ser mulleres galegofalantes nunha sociedade falta de estima” (Eva)

 

Carencia de poder (onde é máis evidente?) 

 

“Na falta de emprego e salario digno, a dependencia económica, condiciona todas as demais formas de dependencia, a comezar pola adaptación ao rol social da boa muller, isto é, a que se integra no mercado laboral sen renunciar a unha tradición de coidado e satisfacción do(s) home(s) e familias correspondentes” (Pilar)

 

“Lamentabelmente, a carencia de poder é tan evidente aínda en tantas esferas sociais que é imposíbel non pensarmos no mundo empresarial, no científico, no académico, no político...” (Silvia)

 

“Na fenda salarial entre homes e mulleres. O poder adquisitivo é menor se cobramos menos por facer o mesmo traballo” (Andrea)

 

“Na inexistencia de impacto dos postulados femininos nos espazos de tomas de decisión, independentemente do contexto.  A ausencia da muller deses espazos ou a desatención das súas voces reforza un modelo de muller-atrezzo que reflicte a necesidade de educar para construír unha sociedade onde vivamos desde a consciencia de ser e sentirnos iguais” (Eva)

 

Imperialismo cultural

 

“Se nos remitimos ao anuncio da lotería deste ano,  a extraterrestre é unha muller branca, loira, que vai sen calcetíns en pleno inverno, porque para estar guapa hai que sufrir… Reproducimos constantemente os estándares de beleza impostos polo patriarcado, non hai cabida nese anuncio para unha muller negra, por exemplo” (Andrea)

 

“Na uniformidade no vestir, no sentir, no pensar, no vivir. O imperialismo cultural pasa por facer de nós súper heroínas occidentais capaces de enfrontarnos a todo menos a nós mesmas. Creo que debemos combater con especial contundencia os ritmos, o dereito a vivir as nosas posibilidades de desenvolvemento en tempos marcados desde nós, sen responder a modelos maquillados de magazine dominical” (Eva)

 

“Talvez a familia tradicional norteada polo sistema do patriarcado: casar, ter fillos, dedicarse á familia... Aínda hoxe temos de aturar preguntas tales como ‘E non vas ter fillos?’ ou ‘Tes algún problema?’ ou mesmo ‘Vaste arrepender!” (Silvia)

 

“Ese imperialismo reflíctese na conversión das mulleres en obxectos vendíbeis, comprábeis ou manipulábeis, amparada  -agora-  na liberdade de escolla” (Pilar) 

 

Violencia (a peor delas)

 

“A flagrante e irreversíbel: a morte da que se considera unha propriedade que, ante todo, debe obedecer á suprema vontade masculina. Por baixo e a carón dela, millenta formas de marxinación solidificada, sob o reino da naturalidade da explotación” (Pilar) 

 

“Quixera ser prudente nunha resposta tan sensible polo categórico, pero a violencia sexual exercida nas contornas máis próximas dos menores e, de xeito máis específico cara ás nenas, atópase na miña opinión entre as accións máis puníbeis da sociedade, pola indefensión das vítimas e as consecuencias a moi longo prazo deses abusos” (Eva)

 

“As que non son tan evidentes, ou as que están máis disimuladas polo patriarcado, os micromachismos, que de micro, teñen pouco. Luz de gas” (Andrea)

 

“Sen dúbida a máis terrorífica e a máis noxenta é o feminicidio, embora calquera tipo de violencia física ou psicolóxica sexa tamén terríbel. O asasinato das crianzas da muller como vinganza por parte do home merece tamén idénticas doses de reprobación” (Silvia)

 

Balanzo e perspectivas

 

“Dentro da complexidade de identificar como principal unha conquista entre o abano de melloras alcanzadas nos últimos anos, para min ten especial relevancia o dereito ao aborto, pola importancia das mulleres poder contar co amparo legal e garantías para decidir sobre a maternidade desde a protección do sistema, e non coa persecución xurídica e social ás costas”, escribe Eva Vieites na segunda parte do cuestionario na que se pide unha escolla (a principal das conquistas da mulleres no pasado) e unha prognose do futuro (como sería o mundo no que elas manden?).

 

No balanzo, Pilar García Negro e Andrea Jamardo subliñan a vitoria dunha voz propia. “Conseguimos a portavocía por si mesmas, sen pediren permiso, e elevaren ao estatuto de asunto público (traballo, sanidade, sexualidade, cultura, maternidade...) o recluído no rocho do privado, doméstico ou biográfico”, foi a gran conquista en opinión de García Negro. Na de Jamardo: “Rematar co silenciamento e obrigar a sociedade a escoitar. Substituír o ‘algo farías’  polo ‘eu créote”.

 

“Os últimos anos fan parte dun proceso longo, con arritmias, que parte xa no noso caso cando menos de Rosalía de Castro. Hai que os entender, pois, a faceren parte dese camiño que remonta ao século XIX. A meu ver, podería citar unha conquista, aínda que non a sexa na súa totalidade, mais houbo algúns logros e continuamos na loita: estou a me referir ao dereito a decidirmos nós propias sobre os nosos corpos, a pesar de que a alta involución ideolóxica dos últimos tempos parece cuestionar nalgúns sectores este avanzo”, indica Silvia Seixas.

 

Como sería un mundo gobernado por mulleres?

 

“É complexo dicir como sería un mundo gobernado por mulleres, moi complexo, o que non é lóxico é pensar que o mundo sería peor do que é hoxe. Cando tes á metade da poboación loitando pola igualdade fica claro que os avanzos son menores e menos xustos. Todo dependería tamén da súa bagaxe, das influencias  que tivesen....” (Silvia)

 

1. O PODER

 

“Un mundo gobernado por mulleres pode ser igual de disparatado e inxusto que o actual gobernado maioritariamente por homes  -e exemplos hai abondo. Depende, pois, de que clase social, que nación, que ideas e intereses se queren servir: atender a maioría social feminina ou, por contra, reforzar a súa subordinación. Outra cousa é que o acceso de mulleres a ámbitos de poder sexa un tributo á realidade da composición humana. Triunfo individual, pois, ou entrega á causa colectiva” (Pilar)

 

2. NA FAMILIA

 

“É unha cuestión do global que sería respondida cunha lóxica cuantificábel  desde a socioloxía ou a psicoloxía social, de seguro. No meu universo do concreto e persoal, o efecto máis inmediato sería o reforzamento das esencias orgánicas, do primario como principio imprescindíbel para construírmonos” (Eva)

 

3. A NATUREZA

 

“O apoio dos traballos das mulleres da nosa contorna levaría a un sistema produtivo de proximidade baseado na axuda mutua, economía local que permitiría emancipación da muller baseado en recursos da horta ou da casa (non mercariamos produtos que dan beneficio a empresas multinacionais)…

 

Os valores do feminismo, solidarios e non agresivos, poderían ter unha repercusión positiva na natureza e en todos os ámbitos. A sororidade” (Andrea)

 

Fotografías:

(1) Silvia Seixas e Eva Vieites, no Centro Ágora, onde terá lugar o debate a segunda feira. Foto: E. D.

(2) Pilar García Negro [Foto: Xurxo Lobato / cedida]

(3) Andrea Jamardo, a esquerda, nun acto na Livraria Suévia, outra das organizadoras do debate no Ágora, xunto a María Canosa e Emma Pedreira en abril deste ano. Foto: E. D.