O PP pón riba da mesa unha lei sanitaria que ''fai inviábeis'' as prestacións na pública

Coa aplicación deste regulamento, a consellaría de Sanidade "será incapaz" de cumprir cos prazos máximos de 60 días para intervencións cirúrxicas, e de 45 días nas consultas, polo que CIG-Saúde recalca que o que se procura é dar "maior participación" á sanidade privada

O anteproxecto de lei de garantías de prestacións sanitarias agocha "o fracaso das políticas levadas a cabo nestes catro anos" e pón en cuestión o mantemento dunha sanidade pública e gratuita. Denúnciao a federación de Saúde do sindicato CIG, que considera "unha desfeita" a norma presentada polo PP, da cal subliñan que vén consolidar o Plan de ordenación de recursos humanos, que "só pretende eliminar emprego público e desregularizar a normativa vixente de dereitos e obrigas" do cadro de persoal.

Acrecentan desde o departamento que encabeza María Xosé Abuín que a taxa de reposición do 10% --de cada dez prazas vacantes só se cubrirá unha-- "pón en risco" a prestación sanitaria e torna "inviábel" o mantemento do servizo público. Coa aplicación deste regulamento, a consellaría de Sanidade "será incapaz" de cumprir cos prazos máximos de 60 días para intervencións cirúrxicas, e de 45 días nas consultas, polo que recalcan que o que se procura é dar "maior participación" á sanidade privada.

"Con que criterios se decidirán as prioridades das persoas enfermas?", pregúntanse en CIG-Saúde, reflexionando que se tal decisión fica en mans de empresas privadas terán acceso á sanidade "por orde de rendabilidade económica". Quéixanse desde a federación da central nacionalista de que o PP persegue con tal normativa "o desmantelamento" dos hospitais comarcais, deixar de prestar a atención sanitaria domiciliaria e "limitar" o acceso á sanidade a persoas con menos recursos ou que vivan no rural da Galiza.