O PP vota contra o recoñecemento ao bombeiro que se negou a un despexo porque "era A Coruña, non Tiananmen"

Todos os grupos da oposición apoian a iniciativa de AGE que solicitaba unha medalla institucional para o bombeiro que se negou a participar no despexo de Aurelia Rei, que non prospera por culpa da negativa do PP, que resta importancia á súa acción

De novo o PP en solitario. O grupo popular foi o único que se negou na Comisión Institucional e de Interior do Parlamento de Galiza a apoiar a iniciativa presentada por AGE segundo a cal se pedía un recoñecemento institucional -propúñase a Medalla ao Mérito da Protección Civil- ao corpo de bombeir@s da Coruña polo seu “xesto de solidariedade” na negativa, simbolizada por un dos seus membros, a colaborar no desafiuzamento da anciá coruñesa Aurelia Rei, que provocou unha importante resposta social en contra durante o pasado mes de febreiro, até conseguir paralizalo, o que lles custou a algúns manifestantes -entre eles o bombeiro que ergueu un cartel de Stop Desafiuzamentos, o portavoz parlamentar do BNG, Francisco Jorquera, e dous concelleiros da Coruña- sancións administrativas por parte da subdelegación do goberno español.

Porén, o deputado popular Gonzalo Trenor -sen chegar aos insultos contra @s activistas pola vivenda digna que son habituais na súa formación- amosou a posición contraria do seu grupo, laiándose de que a proposición non de lei “non fixera mención a todas as actuacións exemplares que fan os bombeiros, senón unicamente a unha de carácter político” para logo entrar en comparacións. “Parece que aquilo non era A Coruña e que máis que da Praza de Ourense semella que vostedes falan da Praza de Tiananmen, onde si que se reprimiu a oposición a un réxime ditatorial”.

Dereito á obxección

Pola contra, a proposta defendida pola deputada de AGE Yolanda Díaz baseouse en gabar a actuación do funcionario que “exercendo o dereito á obxección de conciencia púxose ao carón das vítimas dunha crise que é unha estafa, actitude que debe ser condecorada, non multada nin reprimida con cargas policiais como ocorreu”. En resposta á referencia do deputado popular á Tianamen, Díaz tamén dixo lembrarse de forma positiva do que significou a URRS.

Pola súa banda, Beatriz Sestayo, do PSOE tamén amosou o apoio do seu grupo á proposición, engadindo queixas á “represión aos dereitos” e cualificando de “vergoñento o desafiuzamento dunha anciá”. Así mesmo, o BNG mostrou a súa posición favorábel por medio da deputada Tareixa Paz, que dixo “valorar o necesario exemplo ético desa actuación” do bombeiro coruñés á vez que denunciou a estratexia dos gobernos de “criminalizar os movementos sociais” e defendeu “os actos de insubmisión a prol da xustiza social”.