O PP ''despreza'' a ILP pola sanidade pública

"O presidente da Xunta non estivo, a conselleira de Sanidade chegou cando xa rematara a intervención, a presidenta do Parlamento pasou a maior parte do tempo falando por teléfono e Besteiro, secretario da mesa, aproveitou para ler o xornal"


"O Sergas non ten albaneis". Con tal explicación despachou Miguel Santalices, voceiro de Sanidade do PP no Parlamento galego, a reprimenda por permitir a entrada de capital privado no novo hospital de Vigo. Foi nun debate en plena campaña electoral en que BNG, PSOE, AGE e a formación conservadora debullaron o modelo de asistencia sanitaria pola cal pulaban, nun encontro organizado por SOS Sanidade pública.

A xestión pública dos centros sanitarios era xustamente un dos puntos que recollía a ILP presentada por esta plataforma cidadá, e que o PP negou dúas veces. A primeira, en xuño: cando as forzas da oposición --daquela PSOE e BNG-- confiaban en que se permitise o debate aínda que a iniciativa fose vetadas a posteriori, o partido que goberna Galiza sorprendeu e non permitiu nin sequera o debate. A segunda, esta terza: facendo uso máis unha vez da súa maioría absoluta, vetou agora a tramitación da ILP.

A plataforma denuncia "o desprezo" co cal a formación conservadora tratou esta iniciativa. "O presidente da Xunta non estivo, a conselleira de Sanidade chegou cando xa rematara a intervención, a presidenta do Parlamento pasou a maior parte do tempo falando por teléfono e Besteiro, secretario da mesa, aproveitou para ler o xornal".

A iniciativa entrou no Parlamento avalada por máis de 30 mil sinaturas, o duplo das requeridas. Nela reclamábanse cuestións fulcrais como o carácter público da sanidade "como garantía do dereito á saúde", o rexeitamento ás formas de financiamento privado "introducidas pola Xunta", a necesidade de incrementar a capacidade resolutiva da Atención Primaria "mellorando os recursos e acceso ás tecnoloxías diagnósticas" e, por derradeiro, manter o modelo descentralizado do sistema sanitario na Galiza.

O veto á ILP defraudou a SOS sanidade pública, plataforma integrada por organizacións veciñais, sindicais, ONGD, políticas, de usuari@s e de profesionais da saúde. Denuncian que a decisión do PP agocha detrás a intención de continuar "coa política de recortes e privatizacións" que esta formación política impulsou nos gobernos galego e español.