O PP deixa aberta a posibilidade de que unha mudanza na Lei de Costas mantiver Ence na ría

Nega o apoio á oposición para quitar adiante unha iniciativa do BNG que rexeitaba "de maneira contundente" a posibilidade de a pasteira ficar en Lourizán para alén de 2018, aínda que o Goberno español modificar a normativa

O Parlamento galego votou esta cuarta feira unha proposición non de lei para instar á Xunta de Galiza a informar "de maneira contundente" ao Goberno español de que Ence non vai poder continuar na ría de Pontevedra para alén de 2018.

A nacionalista Carme da Silva, encargada de defender a iniciativa no Parlamento, destacou que a negativa do PP a apoiar o texto evidencia que "o dúo PP-empresa" segue a funcionar co "único obxectivo" de consolidárense en Lourizán. Neste sentido, destacou que hai xa máis dunha década "Ence-Fraga e Fraga-Méndez" --en referencia ao ex director xeral de Caixa Galicia-- "puxeron todos os medios ao dispor da empresa".

O Goberno español, a través do ministerio que encabeza Miguel Arias Cañete, valorou unha modificación da Lei de Costas que podería abrir a posibilidade de ampliación do periodo concesional da pasteira. Segundo lembrou o BNG, as dúas últimas sentenzas do Tribunal Supremo anulan o proxecto sectorial --de decembro de 2003-- de incidencia supramunicipal de Ence, polo que emprazou ao PP a se pronunciaren en favor de que unha mudanza lexislativa non permita que a pasteira fique por máis tempo na ría.

Desde as bancadas do PSOE, Carmen Gallego, cuxo grupo apoiou a proposta do BNG, reprochou a Feijóo que, ante a intención de Madrid de mudar a Lei de Costas, a súa resposta non fose "contundente", senón "vaga e imprecisa".

Porén, o PP xustificou o voto contra a proposición non de lei sinalando que tanto a Xunta como a formación conservadora se opoñen "clarisimamente" a que se prorroguen os permisos de Ence. Insistiu en que esta achega aparecía contemplada no programa eleitoral de Feijóo, como aparecía tamén a intención de manter a pasteira na comarca xa que, segundo os datos que manexa Jacobo Moreira --PP--, esta xera un 11% do PIB da zona. Alén disto, dixo que Arias Cañete manifestara que "ante unha eventual prórroga será determinante a postura" da Galiza.