A polémica do cartaz do FestiGal'12

Cartaz Festigal 2012
O cartaz da nova edición do FestiGal, non deixou pasiv@ a ninguén. Sermos Galiza falou con tres importantes deseñador@s do País para que avaliaran a escolla.

Desde que se fixo público o cartaz que promocionará o FestiGal'12, as redes sociais ferveron ante o impactante deseño elixido. Gran parte d@s habituais do festival que ten lugar cada 24 e 25 de xullo no Campus Sur de Compostela, foron moi crític@s coa imaxe que invita a participar desta xornada de festa e loita co gallo do Día da Pátria Galega.

Ante a polémica xerada, Sermos Galiza preguntou a tres importantes deseñador@s do País para que amosasen a súa opinión profesional ao respecto. Xosé María Torné, Uqui Permuy e Ismael, de Ovo Publicidade, coinciden en que "vai ser moi polémico".

"Busca non deixar indiferente, sorprender"

O autor de moitas das campañas do BNG, Xosé María Torné, aseverou que o cartaz elixido para esta edición "vai na liña dos outros cartaces do FestiGal" e afirma que "procura non deixar indiferente a ninguén, sorprender". Torné explica que a escolla da campaña responde a unha moda entre a mocidade e que, ao mesmo tempo, "casa á perfección co lema". Este ano converxen no cartaz unha idea moi tradicional "morrer e volver a vivir, como a Santa Compaña ou a lenda de Santo André de Teixido, mais empregando códigos modernos coma @s zombies". Con todo, a idea non gustou.

Ismael, deseñador de Ovo Publicidade de Pontevedra, entende que a campaña "pode cumprir o seu obxectivo" mais considera que en publicidade "a cuestión non é impactar senón o recordo que deixa ese impacto". Tanto Uqui Permuy coma Ismael entenden que o obxectivo perseguido coa campaña pode ser conseguido doutro xeito, "foi unha elección moi desacertada, entendo o gancho mais creo que é excesivo e que podería conseguir o mesmo con máis retranca", asegura Ismael. Pola súa banda, Uqui Permuy entende que, malia ser unha campaña "que non te deixa pasiva" o obxectivo pode "conseguirse cunhas imaxes menos provocadoras".

Porén, @s tres comparten que o cartaz desta edición cumpre coa súa función, "ir máis alá" e servir de revulsivo pois o seu obxectivo "era levantar polémica, coma sempre no FestiGal", di Torné. Para alén das múltiples interpretacións e lecturas, fica claro que a ninguén lle pasará desapercibido o novo cartaz do FestiGal'12 e que, cando menos, a festa espertou desde o comezo moita espectación.