O plan mineiro da Xunta autoriza a libre explotación de calquera lugar do País

Protesta contra a mina de Corcoesto [SG]

"Exiten aínda superficies susceptíbeis de aproveitamento dos recursos minerais nas cales non se realizaron os labores de exploración e investigación", subliña a consellaría de Medio Ambiente no plan que vén de presentar


Galiza é unha mina, ou polo menos a Xunta de Galiza pretende que así sexa. O Plan sectorial de actividades extractivas que vén de presentar a consellaría de Medio Ambiente vén a situarse como a folla de ruta para que o lema empregado polo Goberno galego para defender a actividade mineira no noso País se torne nunha realidade literal. 

"O Plan debe comprender todo o territorio da Galiza xa que exiten aínda superficies de territorio susceptíbeis de aproveitamento dos recursos minerais nas cales non se realizaron os correspondentes labores de exploración e investigación, polo que restrinxir o ámbito do Plan podería supoñer reducir as posibilidades futuras de aproveitamento dos recursos minerais". 

Con este parágrafo, tirado da páxina 9 do Plan, a Xunta abre de par en par as cancelas de espazos naturais, paisaxes protexidas, xacementos ou momumentos históricos que até o de agora ficaban vetados para as empresas mineiras, polo xeral estranxeiras, nun documento en cuxa redacción, dirixida pola Cámara mineira, participou a consultora Eptisa, presidida polo banqueiro Ángel Corcóstegui e de cuxo consello asesor fixo parte, até decembro de 2011, o actual ministro de Economía, Luis de Guindos. 

Após a rebaixa que o departamento que dirixe Agustín Hernández realizou na Lei do Solo 9/2002 a través da lei 2/2010, as minas e canteiras anteriores a 2002 podían continuar coa súa actividade se contaban con licenza municipal. Porén, para abrir novas explotacións en todo tipo de solo especialmente protexido era necesario este Plan da Minaría, que a Xunta quere aprobar argumentando a necesidade de "harmonizar a actividade extractiva co resto dos usos do solo".

A Xunta gaba a lei franquista de minas de 1973 e colócaa como exemplo ambiental no plan sectorial, para alén de louvar a mina das Pontes e a balsa ácida como "exemplo de restauración mineira referente a nivel estatal". Para Adega isto "só é entendíbel" nunha Administración que considera que os impactos da actividade mineira son "temporais", as explotacións a ceo aberto "favorábeis para o seu reenchido" e os montes fendidos de arriba a abaixo como "espazos de rápida revexetación natural arbustiva e herbácea, nalgúns casos mesmo con especies arbóreas como o eucalipto".