EDUCACIÓN

O Pedrón de Ouro recoñece a Nova Escola Galega por 30 anos de traballo a prol dun ensino ''público, galego e democrático''

Nova Escola Galega recibirá o galardón polo proceso de renovación pedagóxica que avalou desde o seu nacemento, e en que participaron ao longo dos anos milleiros de mestr@s. No boletín de maio, o movemento arremete contra o 'traballo en equipo' dos Gobernos español e galego ''en plena sintonía para esquilmaren o que coñeciamos como servizo público de educación''

Naceu en Compostela hai 29 anos cun obxectivo claro: impulsar o traballo de renovación pedagóxica e moverse a prol dun sistema educativo "galego, público e democrático". Este domingo, a modo de paréntese na onda de mobilizacións que nais, pais, estudantes e docentes andan a protagonizar xustamente na procura deses mesmos cualificativos para a educación na Galiza, ao sentiren que colgan dun fío, Nova Escola Galega --NEG-- recibe o Pedrón de Ouro na Casa Museo de Rosalía, en Padrón. O Pedrón de Honra irá parar a algún andel do pintor ourensán Henrique Ortiz Alonso.

O Pedrón de Honra irá parar a algún andel do pintor ourensán Henrique Ortiz Alonso

A Fundación Pedrón de Ouro recoñece así a vontade "continuada no tempo" a prol dun ensino alicerzado "nas ideas da xustiza, da liberdade e da solidariedade, para formaren cidadáns e cidadás conscientes do País que habitan, conscientes da nosa lingua e cultura". A día de hoxe, NEG agrupa máis de 300 persoas asociadas. Desde a súa creación, pretendía fomentar o traballo cooperativo de diversas iniciativas que foran agromando a finais dos anos setenta --Albe Galicia, Avantar, Escola Aberta, Escola Dramática Galega, Lubricán, Movemento Cooperativo de Escola Popular Galega, Preescolar na Casa, Sociedade Galega de Xeografía e Xilbarbeira--, colectivos aos que se engadiron un número xeitoso de profesor@s na Galiza.

Así as cousas, segundo a Fundación, o galardón quere distinguir o traballo en defensa das causas do idioma, do ensino público e do futuro de ambas as dúas. "Procuran unha educación democrática, inclusiva e laica". Mais non son esas as características cara ás que camiña a educación pública galega a día de hoxe. Segundo as reflexións que NEG publica no seu último boletín Opina, o curso académico que está próximo a rematar "posíbelmente abrirá unha fenda difícil de superar" en relación ás decisións adoptadas polo Goberno español e pola Xunta de Galiza, "en plena sintonía para esquilmaren o que coñeciamos como servizo público de educación".

O curso académico que está próximo a rematar "posíbelmente abrirá unha fenda difícil de superar"

Refírense nun apartado dedicado aos recortes ao recentemente aprobado RD 14/2012, de medidas urxentes de racionalización do gasto público, norma que ten en pé de guerra á comunidade educativa galega e á cidadanía en xeral desde que se coñeceu o seu impacto no ensino. Sen necesidade de tramitación parlamentaria, saíu adiante coa maioría absoluta do PP na Cámara española e con toda probabilidade será aplicado na Galiza "invadindo claramente competencias" atribuídas á consellaría de Educación. Colectivos como a Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público demanda do departamento que dirixe Jesús Vázquez que rexeite a norma e a recorra, mais todo apunta a que o conservador fará ouvidos xordos destas peticións.

A análise conclúe que "a comunidade educativa galega está organizándose para promover unha resposta de resistencia cívica diante do maior ataque que se pode perpetrar sobre a educación pública. Agardamos que a perspectiva de análise e de acción sexa tan ampla, plural, unitaria e ilusionante como demanda a iniquidade destes tempos".

''Unha frase expresa o sentido común da rebeldía cívica: se a educación resulta cara, proben coa ignorancia"

Alén disto, Nova Escola Galega quere salientar que "non é ocasión para retóricas partidarias, cando o que se precisa é un fondo cuestionamento da gramática social que se impón como inevitable. Nesta lexislatura que remata ten que visualizarse unha estratexia clara e de futuro, que poida ser compartida por unha maioría cidadá, e na que a defensa dos dereitos e das oportunidades sociais sexa clave para construírmos un país orgulloso de si mesmo". No boletín, NEG quéixase de que as formulacións "que consideran a educación subsidiaria da economía" foran gañando espazo. "Semellante despropósito foi atallado recentemente cunha frase que expresa o sentido común da rebeldía cívica: se a educación resulta cara, proben coa ignorancia".