Instan a Xunta a que reclame en Madrid a derrogación das novas normas do emprego doméstico

O BNG leva á Cámara unha proposición non de lei para que a Xunta reclame en Madrid a derrogación do RD 29/2012, que entrará en vigor en abril, pola "regresión" que introduce: máis economía somerxida ligada ás mulleres


"Precariedade", "invisibilidade", "desprotección", "infravaloración social", "salarios baixos", "regulación laboral discriminatoria" e "economía somerxida". Son os trazos con que o BNG define a situación laboral das empregadas do fogar na proposición non de lei que esta terza feira achega ao Parlamento galego coa intención de instar o goberno da Xunta a que demande en Madrid a derrogación do RD 29/2012 pola "regresión" que introduce nos dereitos destas traballadoras.

Así as cousas, as novas normas sobre o rexistro e as cotizacións á seguridade social asinadas polo Goberno español e que entrarán en vigor en abril de 2013 carrexarán máis economía somerxida para as empregadas do fogar. O Consello de ministr@s do 28 de decembro aprobou unha mudanza en virtude da cal a responsabilidade de ficar dada de alta xa non corresponda á persoa que emprega, senón á empregada, cando o contrato laboral non supere as 60 horas semanais.

"O que vai pasar na realidade é que moitas traballadoras van ficar obrigadas a asinaren ese acordo e afrontaren o pagamento do seguro elas soas", critica Teresa R. Vilaseco, voceira da asociación de empregadas do fogar Xiara. Lembra que a Lei 27/2011, pola que se integraban no réxime xeral da seguridade social, leva menos dun ano en vigor e trouxo "un 38% máis de altas" —dato do 30 de novembro—, malia eivas tan importantes como non recoñecer a prestación por desemprego.

Economía somerxida vinculada ás mulleres

Con todo, o ministerio de Traballo di que quere "fomentar a afiliación" e descarrega a responsabilidade sobre os ombreiros das empregadas que traballan en varias casas. Como indica Vilaseco, estas son "a maioría". Na súa proposición non de lei, o BNG reclamará, aliás, un seguimento sobre a implementación da normativa vixente co obxectivo de corrixir as eivas e pór riba da mesa as condicións necesarias para a realización de inspeccións que garantan o cumprimento da lei.

"Non sabemos a que vén o cambio", quéixase Teresa R. Vilaseco, de Xiara. Para alén da mudanza sinalada, tamén se reducen os tramos de cotización, de tal xeito que os máis baixos se elevan por riba dos salarios. A consecuencia das dúas medidas foi sempre un incremento da economía somerxida vinculada ao emprego doméstico e, en consecuencia, ás mulleres.

Subliña Vilaseco que as novas normas se basean en datos dos primeiros meses, unha información "escasa e insuficiente". Por isto, Xiara elaborou o seu propio documento e fíxollo chegar ao grupo parlamentar mixto no Congreso d@s deputad@s e a representantes do Pacto de Toledo para achegarlles a súa valoración en contra dos cambios anunciados.

Copiar o Cheque de emprego-servizo francés

Os datos achegados a esta institución en setembro de 2012 sinalan, segundo o departamento que dirixe Fátima Báñez, que a base media de cotización baixou un 30% coa nova lei, e os ingresos á seguridade social caeron en 63 millóns. Na Galiza, as estatísticas oficiais contabilizan máis de 20 mil mulleres que traballan como empregadas do fogar. Desde a entrada en vigor da lei, en xullo de 2012, a Xunta non fixo "ningún seguimento".

Os novos cambios traduciranse "nun retroceso", valora Vilaseco. Ao fío, a formación frontista reclama tamén que a Xunta tome en consideración novos sistemas de empregabilidade no fogar como o sistema Cheque de emprego-servizo, que funciona xa en Franza. A fórmula para se dar de alta realízase na oficina bancaria onde a parte empregadora ten a conta. Adquire un cheque e comunica cal será o salario neto que pagará mensalmente. Todas as demáis xestións corren da conta da Seguridade social.