Sermos alcanza o número 300: o papel co que contar un país

O 8 de xuño de 2012 publicábase o primeiro número de Sermos Galiza, o medio que supuxo o retorno semanal do galego aos quioscos. 300 números despois, o proxecto informativo continúa coa súa cita semanal con subscriptoras e lectoras,, medrando, atendendo a realidade dun país que tamén quer existir no papel.

“No editorial do número un anunciábase o camiño que ía seguir o medio. Das varias ideas que alí se lanzaban eu salientaría dúas. A primeira, a que fai referencia á intención de contar a realidade cun ollar galego, crítico, meditado e honesto. A segunda sería a que manifesta a intención de contar a realidade libre dos intereses de grupo económico ningún. Seguindo estas liñas foi como medrou o proxecto. Nestes seis anos de vida, nestes 300 números, Sermos Galiza consolidouse como un semanario de intereses galego”. Así reflexiona Xoán Costa, presidente do Consello de Administración de Sermos Galiza S.A., sobre estes seis anos de vida. Con este semanario van 300 desde que se publicou aquel primeiro número, 8 de xuño de 2012, no que se entrevistaba Agustín Fernández Paz; denunciábase o esfarelamento do sistema bancario galego ou radiografábase o primeiro ano de mandato dos concellos saídos das eleccións de 2011. Daquela, como agora, o compromiso era tomar o pulso da actualidade cunha perspectiva crítica e propia.


María Obelleiro, directora do semanario, considera que “o feito de que Sermos leve seis anos na rúa e de que a empresa estea facendo o esforzo de tratar de sacar adiante un diario evidencia a grande evolución ao longo deste tempo”. Isto é posíbel, engade, “grazas a toda a Comunidade Sermos”.

 

Comunidade Sermos


Unha comunidade ampla, variada e heteroxénea, formada por accionistas, persoas colaboradoras, empresas e institucións que se publicitan... e subscritoras e lectoras, o elo fundamental.


Diego Boquete foi o primeiro subscritor do semanario. “Tan pronto me enterei de que ía saír un medio en galego e vin posibilidade de apoiar, fíxeno”, lembra. “É importante ter un medio en galego, que conte e informe desde aquí”. Desexa maior proximidade á actualidade, de aí que aplauda a iniciativa de ter un diario: “agardo que se consiga e que sexa unha realidade”.


Henrique Monteagudo fíxose subscritor recentemente. “Dei o paso porque creo que é imprescindíbel ter un medio como Sermos Galiza, con información en galego, crítica e variada. E que estea en papel é para moita xente algo importante”. Mira o futuro con optimismo: “Estou convencido de que hai demanda dun medio galego”. Por iso acredita que Sermos O Diario Galego será unha realidade. 

 

Pousar os ollos


Marta Sobradelo gosta atopar o Sermos Galiza. “Non estou subscrita nin o compro”, explica, “mais léoo na biblioteca ou se non, no bar onde tomo o café, que o teñen”. Gosta do semanario porque “é diferente ao resto e non só por estar en galego, senón polo que conta e como o conta”.


Unha afirmación que encadea coa reflexión que realiza Xoán Costa: “A importancia de Sermos para a normalidade do idioma é total. Mais non só para a lingua, tamén para a cultura, a recuperación da memoria e para desvendar certos tópicos que negan as nosas capacidades como país, como sociedade con capacidade para se autovaler”. Liña na que afonda a directora do semanario: “Somos a publicación actual das que hai en papel e en galego que máis números leva publicado: 50 cada ano, e sumamos xa 300, e a única opción de atopar a lingua nos quiosques cada semana. Na medida en que somos un medio de intereses galegos, contribuímos a facer país, a difundir unha axenda temática propia, centrada na Galiza, sobre temas que nos interesan a todas e todos e que se botan en falta nos medios de comunicación tradicionais: feminismo, lingua, cultura, traballo, ecoloxismo…

 

Confianza


Van aló 300 números desde aquel primeiro exemplar. Desde entón, centos de entrevistas, de reportaxes, de crónicas. Centos de opinións e colaboracións, de críticas literarias, musicais ou de cinema. En base a todos eles foi medrando a confianza de que é posíbel ter un diario en galego nos quiosques. “Estaría ben”, recoñece Marta: “ao fin e ao cabo Galiza non pode resumirse nunha vez á semana”.

 

Ampliar e alargar

 

Sermos O Diario Galego é a evolución natural do xérmolo que en 2012 prendeu en Sermos Galiza. Máis de 900 persoas accionistas, as persoas subscritoras e as empresas anunciantes afortalaron un proxecto que permite marcarse como obxectivo o de ter un diario galego. Enriquecer, alargar e ampliar o espazo comunicacional galego desde nós e para o mundo. En papel publicarase con 32 páxinas e a cor de terza a sábado, durante os cinco días consecutivos. A maiores, os sábados, levará encartado un suplemento de fin de semana, Sermos Galiza, con outras 32 páxinas. En total o diario sairá 258 días ao ano.


“Debe ter a capacidade para concitar vontades e integrar intereses arredor de Galiza”, considera Víctor Freixanes, presidente da Real Academia Galega. “É absolutamente necesario para coñecer o país”, mantén Carlos Mella, da Fundación Castelao. Para Antía Otero, poeta e editora, “fai falta un diario en papel que nos dea unha contrainformación”. “Precisamos un diario cunha sección cultural asentada no país”, defende Comba Campoi, actriz e xornalista. Estas voces son apenas uns poucos exemplos das esperanzas sobre o novo diario.

 

3.000 subscricións antes do 31 de xullo

 

Para facelo viábel economicamente e unha realidade en 2019 son necesarias 3.000 subscricións antes do 31 de xullo deste 2018. Estamos na conta atrás!