Afectad@s polas preferentes acampan no Obradoiro contra a quita

"Rouban aos aforradores para rescatar aos bancos".Plataformas de estafad@s polo calote das preferentes organizan unha acampada e unha asemblea aberta na Praza do Obradoiro para exixiren "a devolución íntegra" dos seus aforros e coordinar "a rebeldía" que din, debe motivar a súa loita

 

Os lemas son ben coñecidos. O son das buguinas xa pregoa a cor das camisolas que pintan de vermello, lilá, amarelo, azul e laranza as mobilizacións das Plataformas de afectad@s pola estafa das preferentes. Incansábeis, a maré de afectad@s por este calote advirten que non pararán até que lles sexan devoltos "integramente" os seus aforros. 

As Plataformas estiveron acompañadas por representantes do Bloque Nacionalista Galego entre os que se atopaba o portavoz parlamentar da fronte, Francisco Jorquera e o secretario de Organización, Bieito Lobeira.

Denuncian "o cinismo extremo" dos ex-directivos das caixas

Após a comparecencia dos exdirectivos de Caixa Galicia e Caixa Nova na comisión de investigación parlamentar, @s aforrador@s estafadas polas participacións preferentes e subordinadas concentráronse na simbólica Praza do Obradoiro para levar a cabo unha campada e unha asemblea aberta. Integrantes das plataformas denunciaron "o cinismo extremo" de José Luís Méndez e Julio Fernández Gayoso nas súas intervencións e exixiron sexan xulgados pola maior estafa financeira coñecida no noso país. 

Nin as desculpas expresadas por algúns dos dirixentes das extintas entidades financeiras galegas, nin as explicacións outorgadas perante os grupos parlamentares, serviron @s estafad@s para xustificar que Nova Galicia Banco, siga "secuestrando" os seus aforros. Perante unha quita inminente e a parálise do proceso de arbitraxe, desde as Plataformas chaman @s afectad@s a se rebelaren contra a banca e a "non asinar ningún papel" que @s considere investidor@s e lles impoña unha perda no diñeiro depositado en produtos de carácter fraudulento. 

As buguinas soarán cada hora

As campás da Catedral tocan cada hora e o ruido dos silbatos e buguinas resulta enxordecedor. As plataformas vindas de todos os recunchos do país --desde Lugo á Umia, pasando polo Baixo Miño, Ferrolterra e Compostela-- acordaron facer ruxir os seus aparellos ao son das campás como sinal de protesto. Cada hora, o Obradoiro da Catedral lembrará "aos banqueiros que non pararemos até recuperar o roubado". 

Aliás, as Plataformas desenvolverán unha asemblea aberta na praza na que "calquera persoa" poderá tomar a palabra. Xunto @s estafad@s persoas do mundo da cultura levarán a cabo leituras solidarias. Isabel Risco, Paula Carballeira, Mercedes Peón, Rosa Aneiros, Carlos Callón, Alberto Ramos, Xesús Ron ou Marilar Alexandre serán algúns dos nomes que tomarán parte nesta xornada reivindicativa. Máis unha vez o Concello da capital galega denegou o punto de luz @s manifestantes como vén acontecendo na maior parte dos actos e mobilizacións que teñen lugar en Compostela. Finalmente, un bar a carón do Pazo de Raxoi permitiu @s afectad@s instalar a súa megafonía.

Con este acto lúdico-reivindicativo as Plataformas queren amosar o seu "rexeitamento ao roubo dos aforros" que lles queren impor o FROB e o Goberno español a través da quita. Neste senso, exixen a devolución do 100% dos seus aforros quer a través do reintegro do diñeiro e a supresión da quita, quer a través da vía da arbitraxe colectiva.