O Obradoiro entoa o Grândola

Unha multitude entoa o Grândola na praza do Obradoiro [Imaxe: M.A]

Arredor de 800 persoas dánse cita na emblemática praza da capital galega para celebrar o 39 aniversario do 25 de abril. Os cravos vermellos coincidiron cunha protesta d@s estafad@s polas preferentes que seguiron o rexedor compostelán, Ángel Currás, á saída do concello

 

Unha ateigada praza do Obradoiro deu cabida a preto de mil persoas que quixeron conmemorar os 39 anos de liberdade en Portugal. Con cravos vermellos, histórico símbolo da revolución pacífica que botou do goberno o ditador Salazar, @s alí reunidos repartiron as letras da inmortal canción de Zeca Afonso. 

O que estaba previsto era entoar o Grândola unha vez. No entanto, unha vez rematada a primeira volta, de forma espontánea, comezouse un bis que demostrou o sentimento que o himno inspira no pobo galego. Unha vez finalizado, cos puños esquerdo erguidos, agromaron os berros de “independencia” e outros que insistiron: “fascismo nunca máis”.

Mais a do Obradoiro non foi só unha cita para @s que querían conmemorar a caída da ditadura no país veciño. Amais d@s peregrinos e turistas que voluntariamente se sumaron ao acto, agregáronse a el @s estafado@s polo calote das preferentes. 

Momentos previos ao inicio do cantar colectivo, unha protesta desenvolvíase ás portas do concello compostelán. Cando saíu entre apupos o seu rexedor, o conservador Ángel Currás, @s manifestantes botaron a correr tras el, malia os intentos de paralos da policía española. Só chegaron até o Parador Reis Católicos, pois os axentes fixeron un cordón para impediren o paso. Así que tras permanecer alí uns instantes, deron volta  para se unir ao canto que o alcalde compostelán non quixo entoar.