O berro de "Nunca Máis!" volverá resoar o día 16 na Coruña ás portas do macroxuízo

Mobilización do Nunca Máis! en 2002 [Imaxe: flickr Selva de Esmelle]
A plataforma cidadá critica que o único plan feito polo goberno da Xunta nestes tres anos sexa unha simple descrición de medios "para actuar en augas tranquilas, litorais e recollidas". Para alén da sinalada está prevista outra manifestación que se fixará ou o 13 de novembro, cando o Prestige mandou a primeira mensaxe de alerta, ou o 1 de decembro, para revivir a primeira gran mobilización

Case dez anos despois, este 16 de outubro comeza o xuízo oral da causa aberta pola marea negra que o petroleiro Prestige causou ao afundir fronte á costa galega. Cadrando co inicio do macroproceso, a plataforma cidadá Nunca Máis! xurdida en 2002 para manifestar o rexeitamento da cidadanía ao "abandono" e o "desleixo" dos gobernos galego e español, ambos os dous en mans do PP, vén de convocar unha concentración no recinto feiral de ExpoCoruña. Exixirán que as declaracións das máis de 2 mil persoas perante a maxistratura culmine coa atribución das correspondentes "responsabilidades".

Nunha conferencia de prensa ofrecida esta sexta feira en Compostela, da cal fixeron parte entre outr@s Uxía Blanco, Isabel Risco, Bieito Lobeira, Rafa Vilar e Xaquín Rubio, representantes da plataforma recalcaron que decidiron presentarse como acusación particular porque "non debe haber espazo para a impunidade". O colectivo fixo un chamamento a todas as persoas que fixeron parte nas manifestacións historicas de 2002 e 2003 para que volvan ás rúas para repetir a estampa dun berro único contra a inoperancia do PP. Para alén da xa confirmada, está prevista outra manifestación. Será ou ben o 13 de novembro, cando o Prestige mandou a primeira mensaxe de alerta, ou o 1 de decembro, para revivir a primeira gran mobilización do Nunca Máis.

No manifesto que fixeron público achéganse "dúbidas máis que razoábeis" sobre se a día de hoxe sería evitábel outra marea negra, polo que consideran un compromiso "ineludíbel" para os gobernos galego e español garantír que se realicen "balances transparentes" e abordar "as carencias que persisten aínda" no eido da seguridade marítima e da protección do litoral. Cómpre lembrarmos que nin estas competencias nin aqueloutras que regularían a loita contra a contaminación mariña están aínda transferidas á Galiza, e que a lexislatura do PP que vén de rematar foi a primeira en que o noso país non só non conqueriu novas competencias senón que moitas nin se desenvolveron.

Din @s voceir@s de Nunca Máis que o Plan territorial de continxencias por contaminación mariña accidental de Galiza "non garante os medios suficientes para evitar outra catástrofe", sendo unha simple descrición de medios "para actuar en augas tranquilas, litorais e recollidas". Dubidan na plataforma que esta ferramenta contemple polo menos unha estratexia de coordinación que cumpriría de se producir outra marea negra como a de 2002, cando máis de 60 mil toneladas de fuel ficaron deitadas nas nosas costas.