Máis

O mosteiro de Samos

O mosteiro de San Xulián, en Samos (comarca de Sarria), alberga dous claustros de diferentes estilos no seu interior. (Foto: Nós Diario)
A comarca de Sarria e o seu patrimonio.

No val do río Sarria atópase o mosteiro de San Xulián de Samos (comarca de Sarria), que foi fundado no século VI por Martiño de Dumio, durante o Reino da Galiza. Renovado o século seguinte, a invasión musulmá motivou o seu primeiro abandono até a toma das terras por parte dos exércitos cristiáns. Afonso II ‘O Casto’ foi criado nas súas paredes e posibelmente contribuíran ao seu alcume. A importancia do mosteiro na Idade Media motivou loitas polo seu control. Desde o ano 960, os monxes seguen a Regra de San Bieito e ademais, no século XII sumáronse á Reforma Cluniacense. O mosteiro chegou a ter poder sobre duascentas vilas e cincocentos lugares.

Considerado un centro cultural destacado do continente europeo, un grande incendio en 1558 obrigou a reedificar todo o complexo monástico.

A orde foi exclaustrada por mor das desamortizacións no ano 1836 mais os monxes volveron en 1880. Outro destrutivo incendio asolou estas paredes en 1951, perdéndose moitos exemplares da súa ostentosa e numerosa biblioteca, que aínda alberga máis de 25.000 obras escritas. Durante un tempo, o escritor Ramón Cabanillas residiu aquí e dedicoulle a súa derradeira obra, Samos, de estilo poético. O edificio está composto de dous claustros, das Nereidas e do Padre Feixoo. 

Mentres que o primeiro, certamente pequeno é do século XVI, de estilo tardogótico e unha fonte barroca, o outro é o segundo máis grande do continente europeo. Erixido no século XVII, ten tres pisos e reflicte a transición entre o Renacemento e o estilo barroco. Pasear por aquí é contemplar unha mestura entre a grandiosidade e a sobriedade.

Ademais destas estancias, pódense atopar unha escaleira de acceso que lembra o Obradoiro da Catedral compostelá, unha portada románica do século XII que ‘ensina’ como era o mosteiro antes do primeiro gran lume, unha sacristía cunha gran bóveda e retablo con relevos, e tamén, unha igrexa do século XVIII con tres naves e forma de cruz latina e unha fachada, todo de estilo gótico. Coa reconstrución do último incendio, fíxose un mural con pinturas que narran a vida de San Bieito.