O Goberno do PP quere cobrar polas mamografías

O departamento que dirixe Ana Mato confirmará após as eleccións na Galiza e en Euskadi que o cribado do cancro de mama desaparece da carteira básica de prestacións sanitarias, polo que as mulleres terán que pagar por esta proba diagnóstica

O Goberno español cobrará polas mamografías e anunciará o repagamento após as eleccións en Galiza e Euskadi. Será daquela cando a ministra de Sanidade, Ana Mato, confirmará se o cribado do cancro de mama seguirá a facer parte da carteira básica de prestacións sanitarias ou se, ante a sospeita dun cancro apuntada pol@ médic@, as mulleres terán que pagar pola proba diagnóstica.

A denuncia veñen de facela pública a federación de saúde e a secretaría da muller do sindicato CIG, quen recordan que "tanto o persoal facultativo como especialistas en oncoloxía aseguran que o 80% dos cancros melloran cun diagnóstico precoz". Con todo, a central nacionalista denuncia que o ministerio que dirixe Mato "vaise encargar" de que a prevención desta doenza dependa da renda de cada muller, respondendo as súas políticas a unha ecuación simple: "se tes cartos terás mamografía; se non, agardarás por un diagnóstico tardío".

Políticas neoliberais que avanzan cara ás desigualdades sociais
No ano 2009, o Executivo español publicou o documento Estratexia no cancro do sistema nacional de saúde, aprobado por unanimidade no Consello interterritorial. Entre os obxectivos contemplaba "avanzar na prevención coa detección precoz do cancro de mama", sinalan CIG-Saude e a secretaría da muller desta central sindical. Partindo daquel documento estabelecíase un programa en que se prevía a realización de mamografías cun intervalo de dous anos entre exploracións e pensado para pacientes de entre 50 e 69 anos.

Mais a contrarreforma sanitaria realizada a través do RD 16/2012 colocan contra a parede este tratamento, ao vinculalo a se as mulleres que o necesiten teñen ou non dereito a asitencia sanitaria. Ao fío, o sindicato nacionalista alerta de que "as desigualdades sociais" que chegan da man das políticas neoliberais postas en marcha polo PP "teñen cada día máis rostro feminino".