UNIVERSIDADE

O medio ambiente 'florece' nunhas xornadas na Coruña

Adega organiza un ciclo de conferencias, obradoiros e exposicións para analizar coa comunidade universitaria cuestións coma o impacto dos lumes nas Fragas do Eume, a mobilidade, a calidade do aire ou da xestión de residuos, ademais das posibilidades da enerxía solar

A oficina de medio ambiente (OMA) da Universidade da Coruña e Adega organizan o ciclo de conferencias, obradoiros e exposicións Primavera ambiental, co que pretenden achegar á comunidade universitaria as diferentes problemáticas ambientais que existen a día de hoxe en Galiza. Na mesma liña, o que se persegue é tamén unha posta en común de achegas para solventalas, tanto desde a nivel individual como colectivo.

Segundo informa a asociación ecoloxista, ao longo das xornadas --que rematarán o vindeiro 29 de maio-- varias persoas expertas falarán do impacto do lume nas Fragas do Eume, a mobilidade, a calidade do aire, a xestión de residuos, o aforro enerxético ou o aproveitamento da auga. Así mesmo, Adega aproveitará para celebrar o Ano Internacional da eficiencia enerxécica, co I encontro solar na UDC --Universidade da Coruña--, no que se fará un repaso polos diferentes usos da enerxía solar vendo o funcionamento de aparellos que a usan como alimento.

Alén disto, programarase tamén unha visita guiada a unha exposición sobre a pegada ecolóxica e un obradoiro para facer papel reciclado, explicarase o funcionamento dos composteiros comunitarios situados nos campus da USC --Universidade de Santiago de Compostela-- e ensinarase a correcta xestión dos residuos orgánicos. Toda esta teoría porase en práctica no derradeiro día das xornadas, sachando e sementando un pequeno horto. Unha escolma de curtametraxes con temática medioambiental clausurarán as xornadas.