O hospital do Salnés é o único que cumpre as normas da OMS nos partos

Foto de "O Parto é noso"
Só o hospital do Salnés cumpre as indicacións da Organización Mundial da Saúde (OMS) no protocolo aplicado aos nacementos. Na Semana do Parto Respectado, a Asociación O Parto é Noso alerta das intervencións traumáticas que padecen moitas mulleres na rede sanitaria. A coordinadora Lugo, Susana Ferreiro é pioneira á hora de presentar unha denuncia xudicial contra un centro hospitalar por danos a raíz do parto.


Son moitas as mulleres que, sen pertenceren á súa área territorial, procuran parir no Salnés. Na zona Norte tenden a conseguir ser atendidas en Navia, xa en Asturias. Nos outros centros da rede sanitaria, o protocolo de parto non está a cumprir as indicacións aprobadas pola Organización Mundial da Saúde e o Ministerio de Sanidade 

O Hospital do Salnés é o único incluído na rede Amigos dos Nenos polo que se obrigan a cumprir o protocolo de lactación materna e a non separar nai e bebé despois do parto. No de Cee rexe un protocolo de baixa intervención mais non por iso se obrigan a manter xuntos a muller co bebé nin a repectar as medidas para que a primeira alimentación sexa por lactación materna. O Parto é noso non ten nas súas demandas un modelo concreto departo, senón que se repecten os dereitos das mulleres nun momento de especial relevancia na súa vida. Na Semana do Parto Respectado que decorre do 23 ao 27 de maio fan públicas, máis unha vez, as demandas de moitas mulleres para que se modificaren os protocolos hospitalares.

Unha desas mulleres que decidiu tomar partido para mudar a situación é Susana Ferreiro, coordinadora de O parto é noso en Lugo. Como moitas mulleres, é despois de padecer unha situación traumática cando decide converterse en activista en defensa dun parto que teña en conta os dereitos da que vai ser nai na sanidade pública. “O que reclamamos é que se escoite a muller, que non se lle impoña a intervención e se respecten normas básicas como son a non separación da nai e o fillo despois do nacemento” explica Susana, avogada de profesión, mentres se refire ás indicacións de 1985 da OMS, á Estratexia de Atención ao Parto do Ministerio e á declaración da Guía técnica do proceso de atención ao parto normal e ao puerperio do Sergas do ano 2008, incumpridas, ao seu ver, sistematicamente na rede sanitaria pública.

“Abúsase do uso da indución. Cando as mulleres aínda non están de parto, en lugar de dar tempo, provócase unha cadea de intervencións. A indución provoca unhas contraccións tan fortes que se aplica de seguido a epidural, o cal obriga a muller a estar prostrada na cama. Iso conduce a parir no potro que é a forma menos natural” explica, mentres relata un proceso de até dez intervencións que se podían ter evitado de respectaren os tempos de nais e nenos. Ao seu ver, a mudanza no parto provén dos anos setenta. “Naquel momento as mulleres entregamos ese momento tan importante ao sistema sanitario e perdemos o noso papel decisorio, delegamos no persoal clínico e nos hospitais. Agora queremos recuperar ese poder” sinala, ao tempo que denuncia que as cesáreas son máis caras para o sistema sanitario e o proceso intervencionista “provoca máis gasto público e lucro das empresas farmacéuticas”

Primeiro xuízo contra un hospital

Alén da súa participación na asociación, Susana Ferreiro comezou hai dous anos unha loita persoal contra o Hospital de Lugo polas secuelas sufridas tras o parto. Tardou un ano en comezar as accións de denuncia, o tempo que precisou para superar os efectos traumáticos da intervención. Despois de esgotar a vía administrativa dirixíndose aos servizos de atención ao paciente do propio hospital e da Consellaría de Sanidade sen obter resposta, Susana Ferreiro comezou a vía xudicial, presentando unha denuncia pioneira neste tipo de casos. Conta con que chegue a un xuízo en que se sentenciará a responsabilidade do centro hospitalar. “Denuncio que non se pediu o meu consentimento para as intervencións, vulnerouse a lei de autonomía do paciente, a Carta dos Dereitos do Neno Hospitalizado e o protocolo da OMS” explica.

Desde O Parto é Noso lembran que “o parto fisiolóxico e o método nai canguro, xunto con ser o máis beneficioso e seguro para a nai e o bebé, son moito menos custosos economicamente. En tempos de recorte do gasto público, este é un motivo máis para implantalos nos nosos hospitais”. Dereitos básicos como estaren informadas das intervencións e daren o consentimento, dereito de aleitaren aos seus fillos ou fillas e non separalas deles no momento do nacemento están a ser conculcados nos centros hospitalares, segundo fan público de xeito especial nos actos que están a organizar nesta Semana Mundial do Parto Respectado.
.