O historiador e politólogo Pauwels deita luz sobre a estreita relación entre fascismo e capital

Cartaz da conferencia

Convidado polas mocidades de Anova, ofrecerá unha conferencia esta sexta feira en Compostela ao redor da súa obra 'O mito da guerra boa', sobre o papel dos EUA na II Guerra Mundial. Será ás 20h na libraría Couceiro. O libro está dispoñíbel en castelán na editorial Hiru Argitaletxe, fincada en Euskal Herria



"Vendéronnos!", berraba un vello no filme de Wolgang Becker Good Bye Lenin, a realidade paralela que un fillo inventa para que a súa nai, recén espertada dun estado de coma, pense que segue a vivir na vella RDA e non saiba da invasión capitalista que derrubou o Muro de Berlín en novembro de 1989.

Por que contamos isto?

Porque sobre a II Guerra Mundial e as responsabilidades que nela tiveron os EUA deita luz o politólogo e historiador canadense Jacques R. Pauwels na súa obra The Myth of the Good War. En galego, O mito da guerra boa.

Neste libro, Pauwels conta cousas como que o sector socialista era o menos poboado e o máis feble economicamente: "a división da Alemaña proporcionaba aos 'aliados' as zonas máis prósperas do país. Os grandes portos do norte, as zonas industrializadas do Rhur e do Saar, as avanzadas Rhineland e Baviera, a Texas alemaña. Isto ben compensaba permitir que a URSS controlara o territorio da futura RDA".

Mais, que ten a ver a II GM coa actualidade?

Pauwels sostén que ten moito a ver, pois considera que non se pode entender a situación económica e social actual sen tomar en conta o impacto deste conflito.

Ampárase na investigación crítica que desenvolveu na obra antes citada, O mito da guerra boa, onde confirma que o capitalismo é unha realidade presente e pasada porque se asenta sobre a explotación; que dentro desa realidade si que se producen cambios, mais non se cuestiona a súa continuidade; que os EUA apoiaron o nazismo antes e durante a guerra con empresas como IBM, ITT, Coca Cola, Ford ou Opel e que impuxeron gobernos conservadores e reaccionarios.

Por que falamos hoxe deste politólogo e desta obra?

Porque Pauwels dará unha conferencia en Compostela esta sexta feira. Intitulada 'Fascismo e gran capital' e organizada polas mocidades de Anova, será ás 20h na libraría Couceiro, onde xa teñen á venda O mito da guerra boa.

Polo de agora só está dispoñíbel en castelán, lingua á que José Sastre fixo a tradución para a editorial independente Hiru Argitaletxe, fincada en Euskal Herria.