A gran fraude do Novo Hospital de Vigo

Área ambulatoria do Novo Hospital de Vigo
SOS Sanidade Pública denuncia que a Xunta pagará o mesmo pola nova infraestrutura sanitaria malia ter 31 mil metros cadrados menos de superficie e materiais de menor calidade que no proxecto inicial

“O Novo Hospital de Vigo (NHV) non se axusta ao deseño orixinal aprobado e sofre unha importante redución que o fan xa insuficiente para atender as necesidades actuais dunha poboación de 600 mil habitantes”. Así de contundentes son as afirmacións da Plataforma SOS Sanidade Pública que hoxe presentaron numerosa documentación con acusacións moi graves contra a Xunta. Segundo a Plataforma o goberno galego estaría a beneficiar o negocio da empresa concesionaria “pagando subrecustes por materiais que non figuraban no proxecto e por un hospital con menos superficie da aprobada” e ao negocio sanitario de POVISA posto que “co menor tamaño seguirá mantendo o seu status quo”.

29 millóns extras para a concesionaria
A obra do que será o NHV non comezou con bo pé. Sábeno na Xerencia de urbanismo co concello de Vigo posto que aínda non lles consta o visado nin as dilixencias da administración que obriga a lexislación. Mais un dos aspectos máis preocupantes que agora descobre SOS Sanidade Pública é o importante incremento orzamentario que ou ben debería constar na documentación ou ben non tería que financiarse con cartos públicos.

“Hai 29 millóns de euros de máis mentres o SERGAS mira para outro lado”, afirman desde SOS Sanidade, “10,5 millóns de euros en material non clínico, 8 millóns de euros en sobrecustes de cimentación e 11 millóns en mobiliario fixo”. A estes gastos “extras” que se pagarán con cartos da sanidade pública a Plataforma engádelle que o edificio que se está a construír terá inferior calidade en eficiencia enerxética, pasando dá categoría “A” á “B”.

“A Xunta debería pagar 32 millóns de euros menos polo 17% menos de hospital que recibirá”

Calidade inferior
Falando dun hospital as calidades dos materiais son fundamentais mesmo para a comodidade d@s doentes. A Plataforma documenta deficiencias en salas de resonancia magnética, quirófanos, consultas, UCI, urxencias, salas de exploración, habitacións e a gardería infantil entre outras. “Non hai localización de camas polo que é máis difícil comparar entre o proxecto inicial aprobado e o que vai resultar ao final”, denuncian desde SOS Sanidade.

Pagar igual por un hospital máis pequeno
Segundo a documentación achegada por SOS Sanidade, a Xunta pagará igual por un hospital que terá 16 mil metros cadrados menos de superficie de atención ao público e 17 mil metros menos de aparcadoiro. “A Xunta debería pagar 32 millóns de euros menos polo 17% menos de hospital que recibirá”, aseguran. Os datos son ilustrativos da gran redución que implicaría unha inferior calidade de atención á cidadanía e continuar pagando os servizos privados de POVISA.
Na presentación do informe realizado por técnicos e expertos en sanidade salientaron as dificultades para acceder a toda a documentación polos impedimentos tanto da empresa concesionaria como do propio SERGAS.