O ministerio silencia no Consello escolar as voces que discrepan coa lei educativa de Wert

Sindicatos, organizacións estudantís, asociacións de nais e pais e integrantes da Federación de municipios e provincias, erguéronse da reunión deste organismo perante o que consideran "un atentado sen precedentes contra a liberdade de expresión", ao non permitirse o debate das emendas presentadas ao anteproxecto

O goberno español vén de practicar "un atentado sen precedentes contra a liberdade de expresión" ao impedir o debate dun dos informes alternativos ao presentado pola Permanente do Consello escolar sobre o anteproxecto da chamada Lei de mellora da calidade educativa.

Así o denunciou o secretario nacional de CIG-Ensino, Anxo Louzao, quen informou de que todas as organizacións sindicais, estudantís, de nais e pais e integrantes da Federación de municipios e provincias --ao redor do 40% do Consello escolar--, se ergueron da mesa e abandonaron a reunión.

"É un feito insólito que non se ten producido en todos os anos de funcionamento do Consello escolar, con gobernos de diferente signo", subliñou Louzao, remarcando a actitude da dereita española e valorando como "máis que preocupante que se negue o debate e se persigan as ideas e a ideoloxía que non concordan co PP".

CIG-Ensino presentou un documento con até 83 emendas ao anteproxecto da Lei educativa exixindo "que se retire esa norma e se abra un amplo debate social para darlle un xiro de 180 graos", acrecentou Louzao.

Para alén de non quitar adiante este texto por supor "unha intromisión nas competencias" da Galiza, o informe alternativo presentado pola central nacionalista sinala o procedemento "totalmente antidemocrático" que seguiu o ministerio que encabeza José Ignacio Wert para a aprobación do anteproxecto, anulando as posibilidades de participación "real" da comunidade educativa.

Ao respecto do contido apunta Louzao que as reformas que se practicarán de se aplicar a lei española "son de grande importancia e poñen en cuestión o dereito universal á educación, e son máis unha tentativa de centralización e españolización" do que queda do ensino público galego e en galego.