OCUPACIÓN

O Goberno español prohibe unha concentración para pór riba da mesa as políticas ''xenocidas'' de Israel

BDS-Galiza convocáraa en Vigo cadrando coa presenza do embaixador israelí no Estado español. Convidado polo Club Faro de Vigo, Alan Bar impartirá unha palestra para falar de por que o seu é "un dos países máis modernos do mundo"

A subdelegación do Goberno español en Pontevedra denegou a autorización para a concentración que BDS-Galiza --a plataforma a prol do boicot, os desinvestimentos e as sancións a Israel-- anunciara para a segunda feira ás oito do serán á entrada do Auditorio do Areal, en Vigo, cadrando coa celebración dunha palestra de Alan Bar, o embaixador no Estado español.

Segundo o escrito que a Policía española entregou á representante da plataforma, e segundo informa Esculca, a petición foi rexeitada "por ter presentado o escrito fóra de prazo". O requisito formal de cumprir cos tempos de solicitude "non poden limitar o exercicio dun dereito fundamental" como é o de reunión, agás naqueles supostos en que esa circunstancia impedise "tomar as medidas de seguridade necesarias, por exemplo, o que manifestamente non ía acontecer".

BDS-Galiza responsabiliza Israel de provocar case 5 millóns de persoas refuxiadas

Así, desde BDS-Galiza quéixanse das pexas que o Goberno español pon a unha concentración que tiña por finalidade denunciar "as políticas xenocidas e a limpeza étnica" que Israel practica contra o pobo palestino. Nunha información publicada na súa páxina web, a plataforma fai un percorrido polas prácticas emprendidas polo estado hebreo desde o seu nacemento, en 1948. As cifras falan por si soas.

Responsabilízano de provocar case 5 millóns de persoas refuxiadas; de "apresar, torturar e manter pres@s 8.000 nen@s palestin@s nos últimos dez anos; de matar 1.476 pequen@s, tod@s palestin@s; de que haxa a día de hoxe 1.700 pres@s en folga de fame, das 5.604 que fican nos cárceres --desde 1948 foron 650.000 as persoas "apresadas e torturadas"--; de "espoliar" os recursos naturais do pobo palestino e de "condenalo" ao consumo en acuíferos "contaminados polos colonos"; ou de acaparar o maior número de resolucións condenatorias do Consello de Dereitos Humanos da ONU, "máis que o resto de estados xuntos".

A Haia sentenciou en 2004 que o Muro de Cisxordania era "ilegal e contrario ao dereito internacional"

Lembran a Operación Chumbo Fundido, onde morreron miles de civís bombardead@s con armas prohibidas e con fósforo branco; o muro de oito metros que ergueu Israel en Cisxordania "atravesando aldeas e barrios, destruíndo terras cultivábeis e separando familias". Esta construción foi condenada pola resolución ES-10/13 do 21 de outubro de 2003 da Asemblea Xeral da ONU que instaba Israel á súa demolición. Pola súa banda a Corte Internacional de Xustiza da Haia, máximo órgano xudicial da ONU,  sentenciou en 2004, que o muro "era ilegal e contrario ao dereito internacional".

Convidado polo Club Faro de Vigo, Alan Bar, embaixador de Israel en España, vén a Galiza para falar de 'Por que Israel é un dos países máis modernos do mundo?'