ORGANIZADO POLA FUNDACIÓN GALIZA SEMPRE

O futuro das políticas de igualdade a debate en Compostela

O papel das mulleres nunha sociedade onde se recortan os servizos públicos, ou nos novos espazos de poder é o obxecto de debate que centra un seminario este sábado.

A Fundación Galiza Sempre organiza este sábado en Compostela, coa colaboración da Deputación da Coruña, un seminario arredor do futuro da paridade e os retos das políticas perante o rexurdir de correntes de pensamento neoconservadoras que reivindican o retorno das mulleres aos seus roles tradicionais. Terá lugar na mañá do sábado 23 de xuño, no Centro de Estudos Avanzados da Universidade de Santiago de Compostela (no parque de Vista Alegre). A entrada é libre ata completar aforo.

Ás 10.00, co título “Políticas ultraconservadoras: mulleres na casa e sen dereitos?”, debaterase o papel asignado ás mulleres nunha sociedade sen servizos públicos gratuítos e universais, á que se están a encamiñar os actuais recortes e as políticas ultraconservadoras. Participan Ana Miranda, deputada no Parlamento Europeo, Sandra González, alcaldesa de Tomiño, Carme Adán, vicesecretaria do Parlamento galego e secretaria xeral de Igualdade da Xunta de Galicia no bipartito, Olaia Fernández Davila, deputada no Congreso, e Vitoria Iglesias da Marcha Mundial das Mulleres.

Xa ás 12.15, na mesa “O futuro da paridade”, mulleres altamente cualificadas en cadanseu ámbito abordarán a participación das mulleres en novos espazos do poder para tentar dilucidar se a maior presenza feminina vai en correlación con máis empoderamento poder para as mulleres: a xuíza Ana López Suevos, a socióloga Rocío Fraga, Nanina Santos Castroviejo, da revista feminista Andaina e Ana Luísa Bouza, deputada do BNG e directora do Servizo Galego de Igualdade entre 2005 e 2009.